O Clúster TIC Galicia colaborará co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía

venres, 31 de xaneiro do 2020 Redacción

Un equipo de empresas e entidades do Cluster TIC Galicia (formado por Dos Espacios, Imatia, Estrelia, Cinfo, Itelsis e o CPEIG) visitaron o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) en Braga, onde coñeceron os diferentes recursos que se desenvolven e materializan nesta relevante e prestixiosa infraestrutura científica, cun forte compoñente tecnolóxico-dixital. Segundo nos conta o Clúster, a estadía da expedición galega no laboratorio hispano-luso foi unha experiencia de beneficio para todas as partes, xa que favoreceu o coñecemento mutuo e permitiu, tamén, sentar os alicerces para futuras colaboracións (por exemplo o desenvolvemento de servizos galego-portugueses que impulsen a innovación exponencial na industria e na sociedade).
A nanotecnoloxía e algunhas das súas principais vertentes actuais (nanosensórica, nanoelectrónica, nanorrobótica, nanofotónica ou nanomedicina) constitúen a base de boa parte do traballo xerado polo INL, iniciativas que, en palabras do Clúster, “están a xerar unha revolución sen precedentes na calidade de vida, na competitividade e na produtividade empresarial”.
Respecto das iniciativas conxuntas futuras, o Clúster TIC adiantou que traballará co INL para “impulsar en Galicia a innovación exponencial e innovadora combinando diferentes áreas de coñecemento e tecnoloxías”.
O INL é unha Organización Intergobernamental participada polos Gobernos de España e Portugal, que, segundo engade o Clúster, “coloca á Eurorrexión no mapa de investigación internacional en sectores punteiros como a nanotecnoloxía, a biotecnoloxía ou as TIC”.

PUBLICIDADE