O Clúster Audiovisual Galego fai fincapé na responsabilidade social das firmas que representa

venres, 2 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

O Clúster Audiovisual Galego semella que está a buscar xeitos de conseguir que o seu compromiso co cine e a televisión feitos en Galiza chegue tamén ás persoas que fan ese cine e esa televisión, mellorando no posible a súa calidade de vida. Así o fixo saber este venres 2 a plataforma galega, da man do seu presidente, Antón Reixa, e do conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, que (asemade) deron a coñecer algunhas conclusións do Informe sobre Responsabilidade Social elaborado polo Clúster. Este estudo, que tivo a colaboración de Vicepresidencia e da dita Consellería, vén a ser coma o resumo do compromiso da plataforma e das empresas que se integran nela a prol da igualdade, o respecto ó traballador e da calidade de vida no sector que representa.
Para Reixa e Blanco, é fundamental facer fincapé nos seguintes puntos de informe (un diagnóstico que, de cumprirse de verdade punto por punto, sería tamén desexable para tódalas asociacións empresariais de tódolos sectores):
· As empresas do Clúster están concienciadas en materia de responsabilidade social corporativa.
· Incorporan unha porcentaxe de inmigrantes superior á media deste colectivo dentro da poboación española (o 57% das empresas achega postos de traballo a colectivos desfavorecidos, sendo a porcentaxe de inmigrantes traballadores do 7%).
· Presentan unha porcentaxe equilibrada de homes e mulleres (a porcentaxe de mulleres ascende ó 55%).
· Son respectuosas co medio ambiente (o 100% das empresas declárase respectuosa coa natureza, o 71% xestiona os seus residuos e outro 71% ten en conta criterios ambientais e sociais nos seus produtos e procesos).
· Coidan de xeito rigoroso o contido das súas mensaxes publicitarias.
Sexa como sexa, tamén hai contidos pendentes e razóns para a crítica. Como no que atinxe á adaptación das infraestruturas ás persoas con discapacidades: arredor do 67% das empresas (di o informe) non ten instalacións axeitadas para estes colectivos.

PUBLICIDADE