O CiTIUS reta aos estudantes da USC a deixar pegada en materia de programación
xoves, 27 de febreiro do 2014
O potencial creativo dos
nosos estudantes é grande, e dende o
centro CiTIUS sábeno ben. Con todo, tamén entende que ás veces
o mellor xeito de permitir que ese potencial abrolle é “poñéndoo
contra as cordas”. Nesta liña é onde se insire a súa nova
actividade: unha serie de desafíos tecnolóxicos para estudantes da
Universidade de Santiago, principalmente futuros programadores. O
paquete de retos, que se van comezar a lanzar hoxe mesmo, vai
dirixido sobre todo a estudantes de grao da USC e con eles o centro
pretende
dinamizar o papel das Tecnoloxías da Información e a Comunicación
(TIC) no eido da comunidade universitaria, “incentivando entre
os alumnos o desenvolvemento das súas aptitudes”.
O primeiro destes
encontros, informa o CiTIUS, constará de dúas partes: unha de
programación tradicional (secuencial), e outra de programación
paralela. Os concursantes poderán optar ao premio participando en
calquera das dúas categorías, “aínda que na puntuación final
contabilizarase a suma das dúas”, engaden fontes do centro. Na
primeira parte, o obxectivo será dar forma aos algoritmos apropiados
para responder a dous problemas reais que se formularán previamente,
mentres que na segunda proba os concursantes disporán duns códigos
secuenciais que solucionan dous problemas formulados de antemán. “O
noso obxectivo”, engaden fontes do CiTIUS, “é empregar técnicas
de paralelización para obter a solución a cada un deles no menor
tempo posible, usando varios procesadores de maneira simultánea”.
Os concursantes
participarán no reto en equipos de dúas persoas, e a puntuación
será maior canto menos tempo se precise para obter a resposta
correcta ao problema. A solución adoptada poderá ser totalmente
libre, coa única limitación de estar programada nas linguaxes
permitidas na proba.
A parella gañadora
obterá unha viaxe a Barcelona para visitar o Barcelona
Supercomputing Center; o premio inclúe un billete de ida e volta en
avión para dúas persoas, dúas noites de hotel e a visita guiada. O
reto será de carácter presencial, e desenvólvese na Escola Técnica
Superior de Enxeñaría (ETSE) este mércores, 27 de febreiro, ás
11:00.