O Chromecast pode mercarse dende España a través de Amazon

martes, 8 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A presentación do Chromecast de Google o pasado mes de xullo deixou a moitos usuarios europeos con gañas de probar este pequeno dispositivo que achegaba contidos da Internet ao televisor valéndose do smartphone para indicarlle os contidos a cargar dunha serie de fontes determinadas (como YouTube e outros servizos de vídeo en liña) a un prezo moi axustado (35 dólares), pero que a través de Google Play e outras tendas só era posible realizar pedidos dende EE.UU., o que vén de cambiar, e Amazon.com xa ofrece a posibilidade de realizar pedidos internacionais do trebello, que con portes e unha fianza para sufragar posibles taxas arancelarias quedaría en 47,68 euros, recibíndose o dispositivo a finais do presente mes.
Outras tendas internacionais de Amazon (as de Reino Unido e Alemaña) tamén están a aceptar pedidos, pero a prezos substancialmente superiores ao da tenda norteamericana, e supón unha boa oportunidade para desenvolvedores e entusiastas que non queren agardar a que se incorpore o dispositivo á tenda en liña de Google en España. Cómpre destacar que estamos ante un produto que aínda está nunha fase que poderiamos considerar pre-comercial, polo que non achegará unha experiencia completa ata dentro duns meses.

PUBLICIDADE