O Centro Demostrador TIC comeza a súa actividade cunha xornada de portas abertas

mércores, 29 de xuño do 2011 Raquel Noya

Dende o pasado luns, 27 de xullo, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellaría de Traballo, acolle no seu seo un Centro Demostrador TIC que ten como “misión” principal dar a coñecer as ferramentas tecnolóxicas que temos á nosa disposición en Galicia, ben sexan privativas, ou abertas e de uso libre, como as achegadas na xornada inaugural por AGASOL.
Este Centro Demostrador TIC, que nace como punto de encontro entre a demanda empresarial e a oferta tecnolóxica de Galicia, vai comezar xa a súa actividade oficial o vindeiro venres, 1 de xullo, celebrando unha Xornada de Portas Abertas na que se informará a tódolos visitantes das actividades e servizos que ofrece.
Durante a xornada de portas abertas, que terá lugar entre as 9:00 e as 13:30 horas, os asistentes, en grupos reducidos, realizarán visitas guiadas de media hora polas instalacións do Centro, coñecendo de primeira man as distintas salas postas a disposición do tecido empresarial galego para o seu aproveitamento.
Máis polo miúdo, na Sala de Formación, onde hai un amplo abano de dispositivos de soporte e aplicacións interactivas tales como equipos táctiles, TV, plataformas de ocio... o persoal asistente presenciará una breve descrición das diversas actividades que se poden levar a cabo nela, e que van dende o desenvolvemento de xornadas e obradoiros de carácter eminentemente práctico ata a proxección de contidos 3D e multimedia.
A Sala de Demostracións é outro dos espazos equipado para que se poidan amosar ou simular nel entornas de traballo con produtos tecnolóxicos, que facilita o encontro tanto físico como virtual entre as empresas provedoras de solucións tecnolóxicas e as empresas que precisan destas solucións.
O percorrido rematará na Sala da Realidade Virtual, onde as persoas asistentes coñecerán de primeira man a unidade de Realidade Virtual que acolle, unha exposición de contidos audiovisuais e interactivos en 3D que ofrece múltiples aplicacións.
As persoas interesadas en asistir a esta Xornada de Portas Abertas deberán inscribirse na web oficial do Centro.

PUBLICIDADE