O Castelo de Soutomaior bota da man das novas tecnoloxías para a súa nova vida
venres, 18 de maio do 2018
Semella que a Deputación de Pontevedra quixo
renovar o Castelo de Soutomaior en todo o sentido do termo: non só
rehabilitalo e darlle nova vida cara a súa “musealización”,
senón complementar o proceso con innovación en si mesma. Así
se fixo saber na inauguración da nova faciana do senlleiro e
histórico inmóbel, celebrada este 15 de maio e contando coa
presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ás
deputadas e deputados do Goberno provincial, que debullaron o
devandito proceso de transformación para situar o castelo entre os
mellores do mundo e “entre os máis e mellor dotados da máis
avanzada tecnoloxía”. A idea é empregar as novas ferramentas para
dar forma ao novo programa expositivo e ampliar a comunicación cos
visitantes.
Na cita, na que se puxo en valor a historia do
edificio, participaron centos de persoas dos eidos público, social,
económico, cultural, turístico, deportivo e veciñal da provincia.
Entre outras cousas, púxose o foco nos diferentes espazos que
acubilla agora o castelo, dez salas con todo tipo de recursos
innovadores e tecnolóxicos: dende servizos de vídeomapping,
proxeccións en 3D e audiovisuais interactivos, até reproducións de
documentos históricos, xogos e maquetas que recollen a historia do
castelo desde o século XII até a actualidade.
O investimento destinado pola Deputación para os
traballos de recuperación e musealización foi de dous millóns de
euros, aos que se engadirán outros dous o vindeiro ano. Boa parte do
percorrido proposto “vén da man” de persoeiros históricos como
María Vinyals (marquesa de Ayerbe, nada no propio castelo) ou
Antonio Aguilar, situados na zona residencial, e tamén dos
integrantes da familia Soutomaior, que acompañan aos visitantes
polas estancias inferiores e polas torres. Para
estes percorridos e esa interactividade cos visitantes, o castelo
bota man das novas tecnoloxías. De feito, dispón de paneis
informativos e interactivos, mesas virtuais, proxeccións con
tecnoloxía 3D e un mapeado interactivo.