O Campus de Ferrol impulsa a educación STEM europea con especialistas de Turquía e Chipre

martes, 22 de novembro do 2022 Lucía Villaverde

A profesora e investigadora do Campus Industrial de Ferrol, Laura Castro Santos, lidera o proxecto europeo STEM is inspiring future careers que esta semana achega ata a UDC a persoal dos centros Antalya Il Milli Egitim Mudurlugu e Europe Route Education Youth Sports and Culture Association de Turquía, o G.G. Eurosuccess Consulting Limited de Chipre, o Instituto Secular Hijas de la Natividad de María e mais o CPR Nuestra Señora del Carme La Grande Obra de Atocha de Betanzos.
O obxectivo deste proxecto é o de aumentar a calidade da educación escolar convidando ao profesorado de secundaria que imparte materias STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) a utilizar un enfoque multidisciplinar, que permitirá ao seu alumnado adquirir as habilidades necesarias para desenvolverse na sociedade do futuro. Esta iniciativa “fortalecerá a capacidade dos centros participantes para desenvolver habilidades nas materias (...) a través de métodos e enfoques pedagóxicos innovadores e interactivos que permitan resolver cuestións da vida real”, conta a directora.
Ao longo desta semana, o profesorado convidado estará a participar en numerosas conferencias e obradoiros impartidos por persoal docente e investigador da UDC, ademais de realizar visitas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), o Centro de Innovación en Tecnoloxía en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
O proxecto, financiado pola Unión Europea a través do Programa Erasmus+ cun orzamento de 152.395 euros, conta ademais cunha Semana Formativa cuxo programa abarca temas como a ciencia dos materiais ou a economía financeira; e, como peche, celebrarase o venres 25 unha xincana dedicada a un problema de enxeñaría que resolverá o profesorado convidado á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Este proxecto conta coa colaboración do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF): Almudena Filgueira, Ana Isabel García, Manuel Ángel Graña, María Isabel Lamas e Luis Carral; e mais da Facultade de Economía e Empresa do Campus de Elviña (A Coruña): Félix Puime, Lucía Boedo, Joaquín Enríquez, Begoña Álvarez e María Dolores Lagoa.

PUBLICIDADE