O Campus de Elviña acolle esta semana obradoiros de iniciación ao GNU/Linux

mércores, 13 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vai organizar esta semana unha serie de actividades de interese para todas aquelas persoas que anden estes días pola cidade e que, a maiores, teñan dúbidas básicas sobre a programación aberta e o que significa dentro da Sociedade da Coñecemento. O programa de accións a desenvolver, para ir achegando dende o real respostas do que representa este tipo de ferramentas informáticas no virtual, estará dispoñible ao cen por cen para o público xenérico. As actividades correrán a cargo da Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña e consistirán nun obradoiro gratuíto de instalación dun sistema operativo GNU/Linux.
O taller, segundo informa a UDC, comezará cunha charla introdutoria do que é a programación aberta, e que supón o seu uso e calses son as súas vantaxes fronte á privativa. De seguido, os organizadores do obradoiro procederán á instalación e configuración básica do dito sistema, para o que se recomenda que cada asistente traia o seu portátil e faga a súa propia instalación, proceso que (advirten os responsables da actividade) non constituirá a eliminación do sistema operativo anterior, ao permitirse un arranque dual.
Posteriormente, trazarase unha traxetoria polas opcións de configuración máis recentes, como que é a configuración, tanto por fíos como sen eles, da rede, elección da lingua, xestión das actualizacións, achega de novos programas, etc. “Todo isto de xeito gráfico, interactivo e moi sinxelo”, advirten os responsables da proposta. Para finalizar, enganden, levarase a cabo unha introdución ás ferramentas de emprego común: navegadores en liña, programas de ofimática, tratatamento de imaxes, xestor de arquivos ou reprodutores multimedia, entre outros.
O obradoiro impartirase dúas veces: mañá xoves e pasado venres, dende as 17.00 horas até as 20.00 horas no primeiro andar do edificio CITIC, situado no Campus de Elviña.

PUBLICIDADE