O CPETIG celebrou o seu curso de tratamento de evidencias dixitais

luns, 7 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) celebrou estes días pasados (venres 4 e sábado 5 de outubro) o seu Curso de Tratamento e análise de evidencias dixitais. A actividade, que se desenvolve na Cidade da Cultura, na aula II, achegouse como un preludio formativo da nova xornada Iuristicgal, fixada para o 23 de outubro no mesmo escenario compostelán.
Ao curso, organizado en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA, asistiron unhas dúas ducias de persoas. Desenvolveuse a longo de doce horas e contou coas intervencións de Víctor Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado, Gonzalo Sotelo, policía xudicial especialista en eCrime, Juan Luis Miguens e Miguel Abal, secretario e vicesecretario do Colexio (achegando unha sesión de tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG).
Segundo informou a entidade profesional galega, a oportunidade desta oferta formativa “entronca directamente co carácter determinante do axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso legal”. En palabras do CPETIG, un bo manexo das evidencias é hoxe en día “un reto para os profesionais, peritos informáticos ou telemáticos”, na medida en que utilizar os medios e métodos idóneos resulta imprescindíbel para que non se malogre a finalidade procesal.
O curso achegou as claves para traballar de xeito eficaz coas evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor legal en procesos xudiciais ou en investigacións forenses, ofrecendo formación especializada dirixida á adquisición de competencias e coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.

PUBLICIDADE