O CPEIG xuntará en Santiago un amplo e referencial elenco de expertos en protección dixital

mércores, 24 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante co seu amplo programa de actividades de divulgación, formación e debate para este ano 2017, un ano no que, como lembraremos, a entidade profesional celebra os seus dez anos de andaina. Amais da Noite da da Enxeñaría en Informática (prevista para o 16 de xuño en Santiago) e a mostra sobre a historia informática da USC, o CPEIG tamén está a impulsar estes días unha nova edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia. A cita vén da man da colexio e conta co patrocinio da empresa tecnolóxica Emetel e a colaboración de ABANCA e Symantec. Contarase cun notábel elenco de expertos en materia de protección dos datos e as comunicacións. Para formalizarmos a inscrición xa está habilitada unha web específica de seu. O obxectivo é pór á comunidade galega á vangarda dunha das grandes inquedanzas actuais do empresariado, administracións e particulares: Como facer para que o coñecemento de noso ou da nosa empresa só estea a disposición de quen queiramos que estea?
A cita será no Centro ABANCA Obra Social da praza de Cervantes, en Compostela. A xornada comezará ás 10 da mañá cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, responsábel de Seguridade de ABANCA.
A partir das 10.15 horas, sucederanse varios relatorios sobre administracións públicas, a cargo de Xavier Gatius, do Centro de Seguridade da Información de Cataluña (CESICAT); Rafael Pedrera Macías, do Centro Nacional de Protección de Infraestruturas Críticas (CNPIC), e Adrián Lence Paz, pola AMTEGA.
Despois dunha pausa, a xornada retomará a actividade contra o mediodía para ofrecer varios relatorios sobre a empresa, dos que se ocuparán Ramsés Gallego, de Symantec, e un conferenciante por determinar en representación de Microsoft. Ás 13 horas celebrarase unha mesa redonda baixo o epígrafe de As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico” a cargo de Roberto Baratta; Andrés Tarascó, de Tarlogic; Iago Fortes, de Inprosec; Susana Rey, de R; e Rafael Ave, de Emetel. O peche da xornada será ás 14.00 horas a cargo de Roberto Baratta e Fernando Suárez.
Datos do INCIBE
Segundo informa o CPEIG, o alicerce deste encontro está nos desafíos claros que pon de manifesto o medre da Sociedade do Coñecemento. Un medre que leva implícito o crecemento de ameazas. O CPEIG sinala a este respecto, reflectindo datos do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE, que as incidencias en seguridade nas redes informáticas a raíz do ciberataque de alcance mundial de mediados do mes de maio afectaron a máis de 360.000 equipos e deixaron pegada en 180 países diferentes. Segundo explica o CPEIG, “nos últimos tempos, os atacantes informáticos profesionalizáronse e os expertos alertan de que a súa motivación xa non é técnica nin intelectual, senón económica e política; trátase dun risco global que pode ter moi graves consecuencias para a economía ou a seguridade da cidadanía”. En opinión do CPEIG, a resposta a ese risco global vai alén da tecnoloxía e require “dun enfoque multidisciplinar”, ademais “dunha estreita colaboración de gobernos e empresas que cómpre reforzar”. Cara a isto precisamente se dirixe a xornada do CPEIG.

PUBLICIDADE