O CPEIG outorga o Premio TFM en Informática a Rubén Pérez Jove

venres, 2 de xuño do 2023 S. P.

O investigador Rubén Pérez Jove

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai outorgar o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática a Rubén Pérez Jove, investigador do CITIC da UDC, polo seu proxecto de deseño e desenvolvemento de fingerAI, unha nova ferramenta no ámbito da ciberseguridade, de código aberto e facilmente extensíbel, para resolver a tarefa de fingerprinting de Sistemas Operativos (SOs) utilizando Intelixencia Artificial (IA).
Co Premio Traballo Fin de Máster, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación, ao que se engade unha gratificación económica de 1.000 euros para a persoa gañadora. A avaliación dos traballos presentados correu a cargo dunha comisión experta integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña.
O enxeñeiro en informática pola Universidade da Coruña (UDC), Rubén Pérez Jove (O Burgo, Culleredo, 1998), presentou o seu TFM Development of an Operating System Fingerprinting Tool Based on Artificial Intelligence en 2022. Deseñou e desenvolveu unha ferramenta de fingerprinting de sistemas operativos (SOs) baseada en Intelixencia Artificial (IA). O fingerprinting busca identificar información relevante dunha máquina, coma a súa versión ou familia de SO, analizando unicamente seu tráfico de rede. Para o desenvolvemento de fingerAI, Rubén Pérez empregou prácticas ben asentadas dentro da enxeñaría do software, coma principios e patróns de deseño, para conseguir una ferramenta facilmente adaptable e extensíbel.
“Cando un profesional da ciberseguridade pretende monitorizar unha rede, ou auditala para descubrir posibles problemas de seguridade, unha das principais tarefas que realiza é o fingerprinting de sistemas operativos. Desta forma, pódese saber remotamente, analizando só o tráfico de rede, que máquinas existen na rede e de que tipo son: Windows, Linux, Mac, Android, iPhone... Por outra banda, a IA está a cobrar cada vez máis relevancia en calquera ámbito da nosa vida, e tamén na ciberseguridade. Con fingerAI pretendía crear unha ferramenta que aplicase IA a esta tarefa, para que calquera profesional da ciberseguridade a puidese utilizar no seu traballo diario. Ademais, un dos obxectivos principais era obter unha ferramenta que estivese dispoñíbel de forma pública como proxecto de código aberto, de tal forma que calquera profesional ou investigador puidese ampliala e adaptala ás súas necesidades”, explica o enxeñeiro.
Segundo salienta, esta ferramenta pode resultar crucial en diferentes procesos relacionados coa ciberseguridade, como detalla o premiado, tanto no aspecto ofensivo como no defensivo. Algunhas das súas múltiples aplicacións son: a determinación de vulnerabilidades nun equipo, o inventariado da infraestrutura informática, ou a detección de dispositivos non autorizados na rede. A súa interface permite ademais integrala de forma sinxela con outras ferramentas de ciberseguridade, en fluxos máis complexos de procesamento de datos.
Actualmente, Rubén Pérez Jove traballa na súa tese doutoral nunha temática relacionada co seu TFM, na procura da aplicación de técnicas de IA no ámbito da ciberseguridade. O investigador está adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e forma parte do grupo de investigación RNASA-IMEDIR da Universidade da Coruña (UDC). Adicionalmente participa en multitude de competicións e retos, así como en xornadas e charlas de divulgación e concienciación en ciberseguridade.
O CPEIG considera que “se trata dunha iniciativa relevante para Galicia, que debe tomar o lugar que lle corresponde no ámbito da ciberseguridade e a IA, tanto a nivel nacional como internacional”. E engade: “Iniciativas deste tipo supoñen un impulso común para acadar ese fin, e complementan os esforzos xa existentes nestas materias como o nodo Ciber.gal ou a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)”.

Finalistas do Premio TFM

Alejandro Mosteiro

Nesta décimo cuarta edición do galardón foron tamén finalistas Alejandro Manuel Mosteiro Vázquez, como segundo clasificado, e Hilda Romero Velo, como terceira, ambos da UDC. O proxecto do enxeñeiro en informática Alejandro Manuel Mosteiro (Venezuela, 1991), residente en Arzúa, A Coruña), Monitorización de infraestruturas TI incorporando sensórica baseada en IoT, ten por obxecto proporcionar aos centros de datos unha alternativa de sistema de monitoraxe de código aberto, brindando aos administradores unha ferramenta poderosa que integra sensores de hardware aberto compatibles con Arduino e integrados nunha contorna Zabbix.
O sistema está baseado en protocolos e estándares IoT (Internet das Cousas), para que sexa o máis flexíbel e modular posíbel, dando a posibilidade de engadir sensores personalizados de forma sinxela con só indicar a súa dirección IP e tipo de dispositivo. O sistema está destinado a ser unha ferramenta de axuda para os administradores no seu traballo, fácil de usar a través de interfaces amigábeis e un deseño orientado a móbil para que poidan acceder desde calquera lugar onde se atopen.
O proxecto foi defendido por Alejandro en setembro de 2022 e, na actualidade, séguese a traballar nesa liña como parte do seu proxecto de tese de doutoramento, coa intención de mellorar os resultados obtidos e ampliar as funcionalidades para conseguir aplicar técnicas de predición de erros mediante Intelixencia Artificial e técnicas de Realidade Virtual e Realidade Aumentada para ofrecer interfaces máis modernas, adaptadas ás novas tendencias.

Hilda Romero

O proxecto da enxeñeira en informática Hilda Romero (A Coruña, 1999) ten como finalidade axudar aos pianistas, tanto estudantes coma profesionais, ao longo da aprendizaxe inicial das partituras e durante as actuacións, é dicir, na súa formación e vida profesional. Trátase dunha extensión do proxecto Fugatra, desenvolvido pola estudante como Traballo Fin de Grao no curso 2020/2021, que xorde da dificultade que afrontan os intérpretes á hora de identificar os erros que cometen, aportando unha solución en forma de aplicación web.
Concretamente, Fugatra proporciona un portal no que os usuarios poden subir as súas propias partituras en formato MusicXML, conectar o seu teclado, gravar a entrada MIDI e obter unha representación gráfica dos desacertos que cometeron mentres tocaban a partitura. Neste novo proxecto retómase o propósito xeral e preséntanse novos avances dentro dos bloques establecidos no plan de futuro definido para Fugatra. Agora, nesta aplicación web poderase seleccionar a pasaxe a ensaiar, desprazarse pola partitura mediante o recoñecemento de voz permitindo ao usuario crear as súas propias configuracións segundo onde precisa situarse en cada momento na obra e descargar a partitura en formato PDF co zoom desexado.
Ademais, tendo en conta que a conexión a Internet en salas de concertos e auditorios pode non ser o suficientemente estábel como para que o músico empregue a web de Fugatra, Hilda desenvolveu unha aplicación móbil para ofrecer o servizo de desprazamento pola partitura en modo offline, sen necesidade de preocuparse pola conexión á rede. Deste xeito, despois de descargar as partituras almacenadas na web no seu propio dispositivo, o usuario poderá visualizalas e moverse por unha obra novamente segundo as súas propias configuracións pero, nesta modalidade, usando dúas pulseiras Bluetooth con recoñecemento de movemento axustables aos nocellos dos pés para indicar os desprazamentos.
Deste xeito, Fugatra busca achegar a cultura musical a máis xente, facilitando a aprendizaxe e axudando aos intérpretes nos pequenos quefaceres pondo solucións aos seus contratempos, nun principio alleos ao ollo do público, mais, aínda así, reais.
“Ao fin, Fugatra é unha mostra de como a Enxeñería Informática incorpórase ao mundo para acompañar ás persoas no seu día a día, facilitándolle cumprir cos seus obxectivos con eficiencia e permitíndolle dedicar o seu tempo e a súa atención ás labores propias”, explica o CPEIG.
O galardón entregarase na XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Rubén Pérez recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.