O CPEIG organiza os días 25 e 26 un curso sobre peritaxe xudicial informática

luns, 21 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar da celebración dun encontro dirixido a favorecer a práctica dun traballo que abrangue dous mundos, con todas as súas vantaxes e complexidades: o vinculado aos xulgados e á investigación policial e, por outra banda, o ligado ao coñecemento dixital. Falamos da informática xudicial, que será o eixe do curso que o Colexio organiza os vindeiros 25 e 26 de xuño no Centro ON (Caixa Galicia) de Santiago de Compostela. Segundo informa o CPEIG, o programa da actividade terá longo alcance, tanto dende o punto de vista teórico coma no práctico. De feito, inclúese entre outras cousas a simulación dun xuízo, achega que responde á intención dos organizadores de reforzar o carácter práctico do curso.
Eduard Elías, enxeñeiro en Informática, perito informático e membro da xunta do Colexio Oficial de Enxeñeiros en Informática de Cataluña será o docente experto que impartirá o programa. A actividade desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Peritaxe Xudicial Informática: Un enfoque práctico.
Por certo que as canles que unen á entidade organizadora co eido xudicial veñen de lonxe e semellan ben estreitas. Segundo informa o Colexio, este conta cun Corpo Oficial de Peritos (COP) cuxa misión é dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido na Lei de Enxuizamento Civil e de acordo co recollido nos estatutos do colexio. “Particulares e empresas poden acollerse a este servizo en casos penais, civís, sociais, particulares e seguros, entre outros”, engaden os responsables do Colexio.
Para facérmonos unha idea concreta de até onde chega a colaboración dos enxeñeiros, dicir que representaron un papel importante no desenvolvemento da Operación Bolboreta. Máis polo miúdo, colaboraron coa Garda Civil na investigación e na procura da orixe do proceso que infectou trece millóns de ordenadores e que posibilitou o seu control dende unha rede cibercriminal, acadándose así datos privados de internautas de 190 países. Daquela, os corpos de seguridade recorreron aos peritos do COP do colexio para desentrañar a rede criminal. Por certo que, tal e como sinalamos nesta web, Vigo foi unha das cidades máis afectadas polo despregue de virus.

PUBLICIDADE