O CPEIG e a AMTEGA celebran no Gaiás unha xornada sobre blockchain

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración con Alastria e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVigo), celebran este venres 22 de outubro, a xornada Mobilizando o mundo con Blockchain.
Trátase dunha actividade enmarcada na organización do curso online de introdución á tecnoloxía de cadea de bloques e Tecnoloxías de Rexistro Distribuído (DLT) iniciado o pasado día 6 e que se estenderá ata o 29 de outubro.
A actividade celebrarase en formato híbrido, presencial con aforo limitado no Edificio CINC (auditorio 2) da Cidade da Cultura en Santiago, e retransmitido por streaming para os asistentes en liña, de 10:30 a 13:00 horas. Os interesados en asistir poden inscribirse na ligazón específica do evento.
A xornada será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez. O primeiro relatorio, titulado Cara a onde se dirixe o mundo? Identidade dixital e Euro dixital, ofrecerá unha visión macro e estará impartida polo director do programa, Luis Garvía, profesor de mercados financeiros e membro da xunta directiva de Alastria e director do Máster de Riscos Financeiro de ICADE. A continuación a xornada centrarase nunha visión micro, coa intervención de Javier Represas, CEO en Kala Investments, que falará do Blockchain na industria. O futuro que empeza: a transformación do servizo. Xa ás 12:20 horas terá lugar unha mesa redonda sobre A vida despois dunha pandemia, os fondos europeos e a tecnoloxía: É posible integrar todo isto cun enfoque humanista?, na que participarán Fernando Suárez; o socio promotor de Rede Mundo Atlántico, Manuel Gens; e o presidente de Alastria e CEO de Add4u, Miguel Ángel Domínguez.
Segundo lembran o CPEIG e AMTEGA, blockchain é unha tecnoloxía disruptiva que abre as portas a novos modelos de negocio, aporta confianza e automatiza procesos empresariais de todos os sectores, como acortar os pagos internacionais de días a horas, dar rastrexabilidade ás cadeas de subministro, chegando mesmo en algúns procesos a aforrar ata o 90% de custes de xestión de transporte e loxística.

PUBLICIDADE