O CPEIG e AMTEGA convocan o Curso Superior de eAdministración

martes, 10 de setembro do 2019 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e a axencia autonómica AMTEGA veñen de convocar o Curso Superior de Administración Electrónica, unha actividade formativa que se dirixe a formar en tecnoloxías de xestión, tramitación, seguridade, comunicación e transparencia a 80 empregadas e empregados públicos.
Inaugurarase o 24 de setembro cun relatorio maxistral sobre o presente e futuro da Administración Dixital, a cargo do director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial, Miguel Ángel Amutio, e o director de contidos de Retina do xornal El País, Jaime García Cantero. O curso celebrarase do 24 de setembro ao 22 de outubro nas EGAP en Santiago de Compostela.
Esta actividade ten como finalidade “afondar, desde unha perspectiva técnico xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da eAdministración, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas administración galegas”. Neste senso, os contidos analizarán desde distintos enfoques o afianzamento das TIC no goberno e a xestión electrónica, para que o alumnado adquira ou perfeccione o seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Este curso superior será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela, os días 24 de setembro e 1, 8, 15 e 22 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 en teleformación. A matrícula, aberta até as 23.55 horas do 16 de setembro, pode facerse vía web.

PUBLICIDADE