O CPEIG celebra este venres 23 de novembro a súa Noite de Enxeñaría en Informática de Galicia

luns, 19 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, celebra o día 23 de novembro a súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. A cita será en Santiago, como vén sendo costume dende a primeira convocatoria, no Hostal dos Reis Católicos, sendo o obxectivo fundamental do encontro dar acubillo, baixo un mesmo teito, ao máis representativo do noso sector das novas tecnoloxías, tanto dende o punto de vista público como privado. A xuntanza, que inclúe diversas intervencións-relatorios e cea de gala, servirá tamén para oficializar a entrega dos galardóns convocados este ano polo CPEIG, uns recoñecementos que se dirixen a pór de relevo o traballo ben feito, na nosa terra, a prol de cuestións como o noso desenvolvemento TIC, a nosa competitividade empresarial e afianzamento en novos mercados, o noso pulo na Administración Electrónica ou o noso traballo a prol dunha Rede igualitaria e accesíbel para todas e todos.
A cita deste venres 23 de novembro constitúe, xa, a cuarta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. As estimacións da organización son que ao redor dunhas 250 persoas (empresarios, profesionais, representantes da Administración Pública e do ámbito universitario e investigador, etc) se dean cita se dean cita baixo o interese común da Informática e a defensa da profesión. A gala, que como dixemos inclúe a entrega dos premios anuais do colexio profesional, será presentada polo humorista Miguel Lago. Estes son os galardóns que se van entregar na Noite.
· Premio Proxecto Fin de Carreira: para o pontevedrés Adrián López.
· Premio Traxectoria Profesional: a título póstumo, Víctor Gulías, profesor, investigador e emprendedor.
· Premio Ada Byron: a enxeñeira informática Luz Castro, como representante das mulleres líderes na adopción da tecnoloxía, e pola súa capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social.
· Premio Iniciativa Emprendedora: LaconNetwork, evento periódico de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable.
· Premio Iniciativa da Administración: Proxecto Coruña Smart City, en recoñecemento á aposta que o concello herculino está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías.
· Premio Iniciativa Empresarial: Imatia Innovation, empresa tecnolóxica incluída na listaxe de referencia a nivel mundial Top 100 en Europa.
Coma en ocasións anteriores, o CPEIG conta co patrocinio e apoio directo de diversas empresas e institucións para a organización da gala. Os patrocinadores de Ouro son os seguintes: Altia, AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), Bahía Software, Everis, Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Indra, Hewlett-Packard (HP), Plexus, Retegal e Telefónica. Os patrocinadores de Prata son, pola súa parte, estes que citamos a continuación: Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Emetel, Fortinet, Imatia Innovation, Insa, Inycom, Oracle e Tecnocom.
Segundo fixo saber Fernando Suárez, presidente do CPEIG, sobre un dos grandes obxectivos da Noite (salientar o papel das novas tecnoloxías da información como motor produtivo que nos axude a ser máis competitivos e saír canto antes da crise na que estamos mergullados), o desenvolvemento da nosa terra irá estreitamente ligado ás TIC. De feito, comentou, as redes estanse a converter hoxe en día no elemento transformador das nosas vidas. "Neste novo comezo de etapa, as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática estamos chamados a ser protagonistas con nome propio", sinalou Suárez na súa intervención no acto de apertura da terceira edición da Noite, celebrada en outono de 2011.

PUBLICIDADE