O CPEIG anima aos mozos galegos a iniciar estudos de Enxeñaría en Informática

venres, 14 de marzo do 2014 Redacción

Esta semana o Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela acolleu unha mesa redonda sobre os Estudos en Enxeñarías e Arquitectura que contou coa participación de Juan Otero Pombo, vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para transmitir ao alumnado os bos datos de inserción laboral dos estudos de Enxeñaría en Informática, “cun índice de desemprego moi baixo, menor do 10%, nun tempo no que a media nacional está por riba do 26%”. Otero Pombo destacou que “a Enxeñaría en Informática é unha profesión de presente, pero especialmente de futuro”.
Na súa intervención comentou que a Unión Europea realizou un chamamento para que os países membros aposten pola economía dixital, que está chamada a ter un protagonismo especial na loita contra o paro nun continente con 26 millóns de parados e na recuperación da economía. Así mesmo, referiuse ao caso de Irlanda, que “foi quen de atraer empresas líderes da industria TIC mundial converténdose no Silicon Valley europeo”.
Varios alumnos e alumnas mostraron a súa intención de estudar Enxeñaría en Informática e fixéronlle preguntas sobre a necesidade de ter coñecementos informáticos para poder cursar os estudos ou sobre a dureza das materias como Física e Matemáticas.
A participación nesta actividade escolar inscríbese na aposta do CPEIG por achegarlles a Enxeñaría en Informática aos estudantes máis novos, fomentar o seu estudo e informar sobre as características da profesión.

PUBLICIDADE