O COETTGA celebra a terceira edición do ForoTelecos

venres, 13 de xaneiro do 2023 Redacción

O Hotel Oca Puerta del Camino foi o escenario elixido ao que acudiron máis de medio cento de enxeñeiros técnicos de toda Galicia, representantes doutros colexios homónimos nacionais e autoridades para apoiar esta terceira edición do ForoTelecos que organizou o COETTGA, evento que busca dar visibilidade ao traballo diario dos telecos galegos e potenciar a imaxe do COETTGA.
O evento comezaba a última hora da tarde coa recepción de invitados e autoridades. Para dar paso a un cóctel co respaldo dos deliciosos produtos que alberga o paraugas da marca Galicia Calidade e, acto seguido, deuse paso á entrega dos Premios Enxeño 2023, para finalizar cunha cea de confraternización que contou coa presenza do director da AMTEGA, D. Julio Cerviño, que foi o encargado de clausurar o acto.
Antes da entrega dos recoñecementos a entidades e profesionais, José Manuel Martínez, decano do COETTGA, dirixiu unhas palabras para reivindicar «a presenza e capacidade de adaptabilidade e desenvolvemento dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que teñen que potenciar a dixitalización e a implementación das novas tecnoloxías», a fin de reforzar e impulsar o valor de proxectos de enxeñería técnica de telecomunicacións, fundamentais no crecemento e correcto funcionamento de toda a sociedade. De feito, Martínez lembrou que «o traballo do COETTGA é representar a este colectivo e darlle visibilidade, así como apoiar iniciativas e proxectos relacionados coas TIC e os retos dos seus profesionais». O decano do COETTGA afirmou que «detrás das grandes revolucións dixitais de hoxe en día que evolucionan a unha velocidade vertixinosa, como a tecnoloxía de cadeas de bloques, o Metaverso, a Big Data, a ciberseguridade, a Internet das Cousas ou a popularización das criptomoedas, hai profesionais das telecomunicacións que souberon adaptarse aos cambios e anticiparse aos retos que a sociedade vai marcando», polo que, ademais de ser unha profesión con alta inserción laboral, é tamén eixo central da maioría das transformacións que está a sufrir o mundo hoxe en día.

Premios Enxeño 2023

A continuación, os representantes do COETTGA fixeron entrega dos Premios Enxeño 2023, unha terceira edición de galardóns que recoñecen a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións:
– Premio Enxeño 2023 á Delegación de Alumnos de Telecomunicacións polo seu labor de representación das novas xeracións dentro da profesión.
– Premio Enxeño 2023 á Asociación Galega de Blockchain e IoT (AGALBIT) por tratarse dunha iniciativa innovadora proxectando as telecomunicacións na sociedade actual.
– Premio Enxeño 2023 a Rede de Robótica Educativa por levar as telecomunicacións e as novas tecnoloxías ás aulas desde idades moi temperás onde se forxarán os futuros profesionais do noso sector.
– Premio Enxeño 2023 á Enxeñeira do Ano, á traxectoria da colexiada Emilia Seoane, adxunta á dirección técnica de RETEGAL, recentemente xubilada. Sempre deu visibilidade e defendeu o papel da muller nun sector eminentemente masculino.

PUBLICIDADE