O CMG acolle mañá un curso para instaladores de TDT vía satélite
xoves, 11 de febreiro do 2010
A Televisión Dixital Terrestre vía satélite (TDT SAT) é un sistema que lle
permite á cidadanía que habita naquelas zonas nas que o sinal de televisión non
chega ou chega con moi mala calidade, recibir a TDT a través de satélite unha
vez que o apagón analóxico chegue á súa zona e non poida ser iluminada
pola vía terrestre.
Este tipo de tecnoloxía, que deberá ser empregada naquelas zonas
denominadas zonas de sombra, precisan da instalación dun receptor
especial, o TDT SAT, para o cal se requiren uns coñecementos técnicos especiais
que non todos os intaladores de TDT do noso país teñen.
Con vistas a isto, o Centro Multimedia de Galicia (CMG), dependente da
Secretaría Xeral de Medios, acollerá mañá, venres 12 de febreiro, un curso para
instaladores deste tipo de tecnoloxía, que poderá ser seguida a través de
videoconferencia nos
Telecentros de Comunicación (TC) de Lugo, Allariz, A Coruña, situado na
Biblioteca Pública Miguel González Garcés (BPMGG), e no da Escola Técnica
Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións (ETSET) de Vigo.
En total, para estes cursos disporase de
142
prazas: 40 na Sala Audiovisual Access Grid do CMG, en Santiago; outras tantas
na Sala Multimedia de Allariz; 30 no TC de Lugo; 20 na Sala web do ETSET, e 12
na da BPMGG.
O curso, que será impartido por persoal
técnico das empresas Abertis Telecom e Televés, é o terceiro deste tipo que
organiza a Oficina Técnica da TDT de Galicia, tamén dependente da Secretaría
Xeral de Medios, e o seu obxectivo é dar a coñecer aos profesionais o
procedemento de instalación dos receptores satélite da televisión dixital en
zonas sen cobertura terrestre.
Esta formación, que consta dunha parte
técnica e doutra administrativa, é un dos requisitos imprescindibles para poder
ser distribuidor autorizado de TDT SAT. As clases impartiranse en horario de
10:00 a 13:00 horas. Rematada a xornada, entregarase aos participantes un
certificado de asistencia.
Esta iniciativa segue a liña das
actividades do Centro Multimedia de Galicia para perfeccionar os coñecementos
dos profesionais das telecomunicacións nos procedementos de instalación e
distribución de TDT SAT, contribuíndo dese xeito a facer chegar o novo sistema
de Televisión Dixital Terrestre a toda a sociedade e de divulgar as súas
vantaxes fronte á tradicional televisión analóxica.