O CITIC selecciona oito investigadores predoutorais

luns, 13 de marzo do 2017 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña vén de iniciar un proceso de selección destinado e contratar a persoal investigador en formación que desexe realizar unha tese de doutoramento enfocada a unha das 22 liñas de investigación seleccionadas polo Centro. Con esta convocatoria de oito prazas predoutorais, o CITIC quere consolidar o coñecemento científico avanzado e excelente das súas Áreas Tecnolóxicas, mellorar a profesionalización, aumentar a capacidade de transferencia tecnolóxica e potenciar a súa internacionalización.
Segundo informa o Centro, esta incorporación de talento novo potenciará “o esforzo científico que na actualidade se realiza no CITIC, amais de supoñer unha inxección de motivación para abordar novos proxectos de I+D+i con alcance internacional”.
O prazo para a recepción de solicitudes ficará aberto até o 15 de marzo. Entre os requisitos que deben reunir os candidatos atópase o feito de estaren matriculados nun programa de doutoramento dunha universidade española, ou ben cumpriren cos requisitos para poder ser admitidos nun programa de doutoramento durante o curso 2016/2017.
Todos aqueles interesados deberán cubrir o formulario electrónico de solicitude dispoñíbel na web do CITIC, citic-research.org, e enviar a documentación requirida na convocatoria á dirección de correo electrónico citic@citic-research.org
Esta acción enmárcase ao abeiro das axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Cómpre lembrar que entre os organismos distinguidos como Centros Singulares de Investigación, no período 2016-2019, salienta o recoñecemento outorgado ao CITIC da Universidade da Coruña (UDC), por ser “o único centro galego TIC que o recibe”.
As 22 liñas de investigación seleccionadas polo Centro para realizar as teses de doutoramento son:
1. Computational Methodologies for the analysis of new modalities of medical imaging.
2. Development of New Deep learning-based approaches for Computer Vision Applications.
3. Aprendizaxe automática.
4. Informática biomédica.
5. Estruturas de datos e algoritmos para procesamento eficiente de datos masivos.
6. Automatización do desenvolvemento de software: métodos, tecnoloxía e plataformas.
7. Técnicas de Intelixencia Artificial en enxeñería civil.
8. Solucións tecnolóxicas para o desenvolvemento de modelos de saúde participativa e empoderamento das persoas maiores para o seu benestar e o envellecemento activo.
9. 5G radio interface techniques.
10. Internet of Things (IoT).
11. Sistemas concorrentes e distribuídos.
12. Validación automática.
13. Bioinformática.
14. Recuperación de información e sistemas de recomendación.
15. Computación de altas prestacións: software e aplicacións.
16. Arquitectura de computadores.
17. Novos retos en finanzas cuantitativas: tipos negativos e volatilidade estocástica.
18. Modelado e simulación numérica de procesos industriais.
19. Técnicas e metodoloxías de seguridade en redes de comunicacións utilizando técnicas de análise masiva de información para a detección de intrusos e outros tipos de ataque.
20. Técnicas e metodoloxías de seguridade en redes de comunicacións utilizando datos procedentes de dispositivos IoT para a predición de posibles anomalías.
21. Big-but-baised data (datos de gran volume pero nesgados).
22. Sistemas de axuda á decisión en problemas de rutas ópticas con replanificacións periódicas.

PUBLICIDADE