O CITIC participará na Maker Faire Galicia con dous proxectos, unha mesa redonda e un hackathon

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña volve colaborar activamente na Maker Faire Galicia, a feira de tecnoloxías abertas, colaboratorias e argalleiras máis relevante do ámbito estatal (tanto por proxectos como por repercusión nos medios como por asistentes e actividades), e farao presentando dous proxectos e organizando unha mesa redonda e un desafío tecnolóxico con formato de hackathon.
Nun plano máis específico, o CITIC participará na feira (un punto de encontro para a creatividade e o talento cuxo programa dividirase en tres bloques: xornadas da industria, 1 e 2 de xuño; xornada educativa, o 3 de xuño; e xornadas abertas, do 4 ao 5 de xuño) presentando un Proxecto de robot asistente para a rehabilitación da marcha en persoas con diversidade funcional. Trátase dun dispositivo tecnolóxico a empregar nas sesións terapéuticas de rehabilitación e que ten capacidade para realizar un roteiro, previamente programado por un terapeuta, de modo que o usuario deberá seguilo coa finalidade de completar o devandito percorrido. Durante a execución do percorrido, o robot detectará a posición do usuario, adaptando a súa velocidade ao paso do mesmo. Para o desenvolvemento deste proxecto utilizouse un robot TurtleBot3 e o framework para aplicacións robóticas ROS. Así mesmo, aplicouse un sistema SLAM de navegación para executar o roteiro deseñado.
O CITIC tamén dará o coñecer os detalles de Pictotal, desenvolvido polos investigadores Francisco Laport, Paula Castro e Adriana Dapena. PictoCal é unha aplicación web deseñada e desenvolvida para que familias, educadores e terapeutas poidan elaborar calendarios que resulten atractivos a nenos e persoas con diversidade cognitiva. Os calendarios utilizan fotos, pictogramas ou descricións sinxelas, de xeito que os usuarios poidan identificar facilmente a tarefa para realizar. “Trátase dunha plataforma con alta demanda por parte das entidades que traballa con persoas con diversidade cognitiva, xa que actualmente esta tarefa realízase manualmente”, explican fontes do CITIC, engadindo que o acceso á páxina web é aberto e gratuíto, previo rexistro.
Mesa redonda: Talentos Inclusivos
Relatores:
Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC e coordinador do proxecto.
Jesús Spósito, Secretario do Consello Social da Universidade da Coruña.
Carlos Rodríguez, usuario de ASPACE Coruña e membro dun equipo de traballo do proxecto.
Manuel F. González Penedo, director do CITIC e catedrático de IA na UDC.
Patricia Hermida Galán, profesora do IES de Ortigueira.
Data: 3 de xuño de 2022, de 12:45 a 13:30 horas, de xeito presencial.

PUBLICIDADE