O CITIC participa nun proxecto que lidera o cambio cara as fábricas intelixentes: CASANDRA

mércores, 30 de abril do 2025 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC compartiu detalles do proxecto CASANDRA, no que participa o centro coruñés e cuxo obxectivo é modernizar e dixitalizar a fabricación de grandes compoñentes, creando centros de produción máis intelixentes, conectados e autónomos e capaces de adaptarse en tempo real a calquera cambio ou imprevisto. Con CASANDRA, explica o CITIC, búscase liderar o cambio cara a fábricas intelixentes e afrontar os principais retos do sector metalmecánico español, que medrou máis do 8% nos últimos anos pero que precisa atender unhas esixencias cada vez maiores en normativas e calidade.
Neste contexto nace CASANDRA, un ambicioso proxecto de dixitalización e modernización da fabricación industrial, no que participa o CITIC da Universidade da Coruña, achegando a súa experiencia en Intelixencia Artificial, ciencia de datos, computación de altas prestacións e redes intelixentes. O proxecto busca como dixemos transformar as fábricas en espazos máis intelixentes, conectados e autónomos, capaces de adaptarse en tempo real a cambios ou imprevistos.
Como o vai a lograr?
Dixitalización total do proceso: quérese seguir o “fío dixital” de cada peza, é dicir, ter un rexistro completo desde que se deseña ata que se termina e se entrega, facilitando a rastrexazabilidade e mellorando a calidade.
Ferramentas pensadas para as persoas: desenvolveranse tecnoloxías como robots colaborativos, realidade aumentada e virtual, ou exoesqueletos, para axudar aos traballadores nas súas tarefas, facendo o traballo máis doado, seguro e eficiente.
Fábricas que se adaptan soas: grazas ao uso de xemelgos dixitais (copias virtuais das pezas e procesos), Intelixencia Artificial e análise de datos en tempo real, as fábricas poderán axustar os seus procesos automaticamente para mellorar a calidade e reducir erros ou desperdicios.
Novas formas de usar a IA: CASANDRA usará tecnoloxías avanzadas como a aprendizaxe federada, IA explicable ou edge computing, para que as decisións se tomen máis rápido, de forma máis eficiente e sostible.
Demostracións reais: todo este enfoque probarase en sectores crave como a enerxía e o naval, mostrando como mellora a eficiencia, o control e a calidade na fabricación.
Quen participa?
O proxecto está formado por un grupo de empresas e institucións tecnolóxicas. Firmas como DGH, especializada en automatización e robótica industrial; IDESA, fabricante de grandes equipos para o sector enerxético; e NODOSA Shipyard, referente nacional e internacional en construción e reparación naval.
A elas súmanse ARTSOFT, desenvolvedora de solucións de Realidade Aumentada e Virtual para a industria; TRIMEK, experta en metroloxía dimensional; GOGOA, pioneira en exoesqueletos aplicados a múltiples sectores; e NVISION, que combina IoT, Intelixencia Artificial e análise de datos para crear ferramentas de monitoraxe e toma de decisións.
O proxecto tamén conta coa participación de centros de investigación punteiros como AIMEN, que destaca polo seu traballo en materiais avanzados, dixitalización e sustentabilidade; o Institut de Robòtica i Informàtica Industrial (IRI), líder en robótica e visión por computador; o CDEI-UPC, centrado en robótica móbil e deseño industrial; o CITIC da Universidade da Coruña, referente en IA, ciberseguridade e ciencia de datos; e INNOVALIA, asociación tecnolóxica vasca con forte proxección internacional.
A iniciativa ten como obxectivo principal transformar as fábricas actuais en contornas intelixentes, máis sostibles e eficientes, a través da aplicación de tecnoloxías emerxentes como a IA, a robótica, a sensórica ou os sistemas ciberfísicos. Esta alianza entre industria e ciencia pretende posicionar a Europa á vangarda da innovación tecnolóxica global.
Este proxecto está financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) e subvencionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).