O CITIC participa na posta en marcha dun robot para asistir a persoas con parálise cerebral
xoves, 7 de xullo do 2022
O
Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña
compartiu detalles dun proxecto no que está a colaborar e que
consiste en crear un robot de baixo custe con Intelixencia Artificial
para proporcionar asistencia a persoas con parálise cerebral.
Trátase da plataforma LOLA, posta en marcha por un grupo de
investigadores/as da Universidade de Alcalá. Este
equipo visitou a semana pasada o CITIC para entregar un robot a
ASPACE Coruña.
A
plataforma desenvolveuse no marco do proxecto AIR4DP (Artificial
Intelligence and Robotic Assistive Technology devices for Disabled
People), no que colabora o CITIC xunto co grupo GRAM da
Universidade de Alcalá e o grupo TAIS da Universidade de Sevilla.
Na
dita visita o persoal investigador do grupo GRAM entregou o robot
asistencial LOLA a ASPACE Coruña e ofreceu unha formación sobre a
súa utilización tanto ao equipo de profesionais de ASPACE como ao
do CITIC. Ademais, xunto co investigador Manuel Lagos, o equipo de
investigación tivo oportunidade de coñecer as instalacións do
CITIC e visitar o Demostrador Tecnolóxico, onde coñeceron varios
proxectos de investigación desenvolvidos no centro.
Durante
estes primeiros días do mes de xullo darán comezo as sesións de
intervención con LOLA cun grupo de usuarios/as de ASPACE Coruña, e
o CITIC encargarase da avaliación da plataforma robótica como
tecnoloxía de apoio na vida de persoas con diversidade funcional.
Máis
detalles da plataforma
AIR4DP
presenta un proxecto multidisciplinar e investigación
transfronteiriza, onde o principal obxectivo consiste no
desenvolvemento de solucións robóticas novas baseadas en IA e
Visión Artificial con capacidades avanzadas de mobilidade e de
interacción humano-robot, elementos destinados a “mellorar a
independencia e estimulación de persoas con discapacidade”. O
proxecto está dividido en tres subproxectos, un dos cales é MATCH,
que ten a finalidade de obter a mellor evidencia sobre o impacto da
tecnoloxía asistencial baseada en IA na vida das persoas con
diversidade funcional, no cal está implicado o CITIC.