O CITIC organiza a CITIC Cyber Competition

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza, coa colaboración do centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade), o evento C3TF - CITIC Cyber Competition, unha competición de ciberseguridade destinada a estudantes para que poidan practicar e desenvolver as súas habilidades neste ámbito.
O evento terá lugar o 23 de febreiro de 15:30 a 20:30 h de forma simultánea no CITIC, AtlantTIC e online. A inscrición está aberta ata o 15 de febreiro.
Trátase dun CTF (Capture The Flag), un tipo de competición que consiste nunha serie de desafíos enfocados á seguridade informática que hai que resolver para conseguir o premio (a bandeira). O obxectivo é aprender e mellorar en equipo as competencias en hacking.
No C3TF, os/as participantes enfrontaranse a retos nas categorías de esteganografía, forense, pentesting, entre outras. As persoas interesadas en participar deberán ser estudantes, de calquera nivel, e poderán apuntarse en equipos de entre 1 e 5 persoas para poñer a proba as súas capacidades. Poden elixir entre tres modalidades de participación: presencial no CITIC, presencial en AtlantTIC e online.
A inscrición é totalmente gratuíta. Ademais, haberá premios para os tres equipos gañadores, por valor de 1000 €, 700 € e 300 € cada un, e agasallos para todas as persoas participantes en modalidade presencial.
Pódese consultar máis información na páxina web oficial: c3tf.io.

PUBLICIDADE