O CITIC obtén financiamento da Comisión Europea para un proxecto de computación cuántica

venres, 15 de maio do 2020 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña captou fondos por valor de 330.000 euros para o desenvolvemento dun proxecto europeo sobre computación cuántica que sitúa a Galicia no máis alto da investigación en Europa. O proxecto NEASQC, que obtivo a máxima cualificación posible por parte da Comisión Europea, baséase no desenvolvemento de aplicacións prácticas da computación cuántica. Para iso, utilizaranse 10 casos de uso reais definidos polos socios industriais do proxecto validados polos socios académicos. A participación do CITIC centrarase en dous casos vinculados a sistemas baseados en regras cuánticas para a detección do cancro de mama, en colaboración co CESGA, e en algoritmos cuánticos para finanzas, en colaboración co banco HSBC e o CESGA.
O Consorcio Internacional está formado por 12 entidades empresariais e académicas da máxima relevancia, capitaneado pola sociedade francesa Bull, e a financiación total do proxecto é de máis de 4,6 millóns de euros. O equipo do CITIC está liderado polo investigador da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Vicente Moret, xunto cos investigadores da área de Computación de Altas Prestacións, Juan Touriño e Ramón Doallo, e da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos, Carlos Vázquez Cendón. Todos eles son catedráticos dos tres departamentos da Facultade de Informática da UDC.
Un dos obxectivos do proxecto NEASQC consiste en construír unha comunidade activa de computación cuántica aplicada en Europa. Así, o proxecto estará aberto durante toda a súa execución á participación de usuarios finais. NEASQC creará librarías de computación cuántica de código aberto, así coma un entorno de programación cuántica dispoñible de forma pública. Trátase dunha Acción de Investigación e Innovación (RIA) do programa da UE Horizonte 2020, destinada a xerar novo coñecemento e explorar a viabilidade de novas tecnoloxías, produtos, procesos, servizos e solucións.
Segundo apunta o investigador que dirixe o equipo do CITIC, Vicente Moret, «a computación cuántica permite tratar problemas que se consideraban intratables, xa que dá lugar a novas portas lóxicas que fan posibles novos algoritmos». Moret, referente a nivel internacional nesta área de coñecemento, considera que «a computación cuántica é un campo de gran interese que terá aplicacións prácticas no deseño de novos produtos farmacéuticos e en ámbitos como a xenómica, a bioinformática e as telecomunicacións, entre outros».

PUBLICIDADE