O CITIC e o Consello Social da UDC lanzan un programa para impulsar vocacións TIC

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

O CITIC (Centro de Investigación TIC) e o Consello Social da Universidade da Coruña puxeron en marcha un programa de actividades destinadas a fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de Secundaria e Bacharelato. Trátase do ciclo Das TIC ao ceo, que contará coa participación de prestixiosas e prestixiosos representantes do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, todas e todos graduados pola Universidade da Coruña.
Nas actividades do ciclo achegarán a súa experiencia no desenvolvemento da súa carreira profesional á mocidade dos centros educativos.
O programa inaugúrase este xoves 22 de abril, con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC. A relatora é Ana Freire, investigadora e doutora en Informática, profesora na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, onde tamén é directora do Centro de Estudos de Sostibilidade. Recibiu o Premio Ada Byron Joven 2019 da Universidade de Deusto e foi seleccionada por Business Insider entre os 23 mozos españois de 35 anos ou menos chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Ademais, é a fundadora do proxecto Wisibilízalas.
A charla estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e dirixirase a 100 estudantes de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios da Coruña de forma online.

PUBLICIDADE