O CITIC e a FIC celebran a IV edición do Machine Learning Workshop Galicia

xoves, 17 de outubro do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza xunto a Facultade de Informática da UDC a cuarta edición do Machine Learning Workshop Galicia (WGML2019), que congrega hoxe a máis de 150 participantes. Este evento ten o obxectivo de amosar os avances e as oportunidades de futuro do Machine Learning ou Aprendizaxe Máquina, unha rama da Intelixencia Artificial que se está a converter nun referente en practicamente calquera campo de coñecemento.
A sesión de apertura correu a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella Nieto; e o organizador do evento, investigador do CITIC e catedrático da UDC, Ricardo Cao. Durante todo o día de hoxe terán lugar diferentes relatorios, comunicacións e, como novidade nesta edición, tamén presentación de retos por parte de empresas, así como sesión de pósteres.
O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC afirmou que o Machine Learning Workshop Galicia estase a converter «nun dos foros máis importantes a nivel autonómico», salientando a gran calidade das conferencias. Pola súa banda, o director do CITIC destacou a particularidade do evento de abarcar tanto ao ámbito investigador como o tecido empresarial. O coordinador do workshop quixo subliñar o «gran número de comunicacións recibidas».
O comité científico do WGML2019 está integrado, ademais de Ricardo Cao, pola investigadora do CITIC Bertha Guijarro e polo CEO de Cinfo (empresa ubicada no CITIC), Antonio Rodríguez del Corral. Colaboran na organización o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CESGA, e atlanTTic da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE