O CITIC da UDC inaugura unhas xornadas que loitan contra os nesgos de xénero na IA
mércores, 6 de novembro do 2024
A Facultade de Dereito da UDC acolle desde este mércores 6 de novembro as III Xornadas IA Nesgos de Xénero. Oportunidades para a Igualdade, unha iniciativa promovida polo Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) e o Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC, co obxectivo de abordar o impacto da Intelixencia Artificial na perpetuación da discriminación contra as mulleres e promover a igualdade no ámbito tecnolóxico.
O evento, que se prolonga até este xoves 7, foi inaugurado polo reitor da UDC, Ricardo Cao e o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro. Un acto de apertura no que tamén participaron o director do CITIC, Manuel González Penedo; e a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC, Laura Castro.
Ao longo destas dúas xornadas contarase coa participación de especialistas nacionais e internacionais que compartirán a súa visión sobre a importancia da diversidade en equipos de IA e o papel das políticas reguladoras neste ámbito.
Na súa intervención, Ricardo Cao, subliñou a importancia de avanzar na eliminación dos nesgos, “un concepto moi persistente en sistemas como o Big Data, pois os datos sempre ofrecen o valor que deberían”. E engadiu: “Debemos coidar, por tanto, estes enfoques parciais, que seguen presentes, pese ao que pasan moi desapercibidos; a xeración do nesgo é moitas veces non intencionada, pero iso non supón que non debamos corrixilo”.
Pola súa banda, o decano de Dereito, Xulio Ferreiro, valorou a celebración destas xornadas, “que tratan dunha preocupación crecente en todos os sectores da sociedade por unha tecnoloxía que ten moitas implicacións, xurídica, moral… O reto – explicou –, está en que sexamos capaces de converter eses estándares éticos que rexen unha sociedade en normas xurídicas que introducir nos algoritmos. Debemos facer un esforzo entre todos para acadar esa regulación e non vela como un freo, senón como unha oportunidade, do mesmo xeito que as normas ambientais fixeron que se introduciran parámetros máis sostibles no tecido empresarial”.
Pola súa banda, Manuel González Penedo, director do CITIC da UDC, afondou na necesidade de valorar as diferentes implicacións dos algoritmos, “dado que non só se trata de adestralo, senón de analizar as súas posíbeis implicacións. Por iso, é clave abordar diferentes enfoques na IA”.
Pola súa banda, Laura Castro valorou a relevancia das persoas participantes ao longo desta xornada, que chega á súa terceira edición e que permitirá abordar a IA desde diferentes perspectivas, tendo en conta os diferentes nesgos existentes. Son, dixo, “unhas xornadas que permitirán reflexionar sobre a necesidade de equipos de desenvolvemento inclusivos que representen a diversidade da sociedade; e ademais trataranse as políticas de regulación actuais e o papel das administracións públicas na supervisión e control de aplicacións de IA”.
No programa deste primeiro día inclúese a conferencia Que nesgos importan? Envelenando conxunto de datos para clasificación de imaxes, impartida pola investigadora da Universidade Pública de Navarra Iris Domínguez.
Os algoritmos ingobernábeis ou como investigar caixas negras serán os protagonistas da conferencia que impartirá Naira Bellio, membro de AlgorithmWatch.
As sesións de hoxe rematarán coa mesa redonda Diversidade e tecnoloxía. Por que a IA necesita equipos inclusivos?, con Belén Valle Cao (NTTData) e Natalia Monje (Ecos do Sur). Xa pola tarde, desenvolverase un obradoiro colaborativo de Galipedia.
O xoves, 7 de novembro, as actividades comezarán ás 10.00 horas coa conferencia Píxeles, datos e neuronas, a cargo de Alba Meijide, experta en Intelixencia Artificial; seguida do relatorio Regulación da IA: desde a AI Act a outras regulacións internacionais, impartido por Belén Arribas, representante de ENATIC, IFCLA e o European Data Protection Board. Para pechar a xornada, ás 12:30 horas, celebrarase a conversa O papel da Administración na era da IA, con Javier Torres Gella, secretario xeral da AESIA; e Bertha Guijarro, profesora titular da Área de Ciencia da Computación e IA da UDC.