O CITIC celebrou o 11F con divulgación, ciencia e referentes femininos inspiradores
venres, 13 de febreiro do 2026
O CITIC da UDC desenvolveu unha ampla programación de actividades arredor do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se conmemorou o pasado mércores, 11 de febreiro, combinando divulgación científica, achegamento ao estudantado e reflexión sobre os retos que afrontan as mulleres na carreira investigadora.
Así, os días 11 e 12 de febreiro, o centro celebrou unhas xornadas de portas abertas en colaboración coa asociación de estudantes da Facultade de Informática. As investigadoras María Martínez, Adriana Dapena e Diego Seco foron as encargadas de recibir o alumnado e explicarlles que é o CITIC, cal é o seu labor investigador e que oportunidades ofrece, como as bolsas MestreTIC.
Durante as visitas, os e as estudantes percorreron diferentes espazos do centro. No Demostrador Tecnolóxico coñeceron desenvolvementos en realidade virtual; visitaron a Colección OitoBits, museo dedicado á historia do videoxogo; a sala de robótica e o laboratorio de impresión 3D; a sala de RV e a sala Clúster, un dos espazos de traballo do persoal investigador. “A iniciativa”, informou o CITIC, “permitiu achegar a investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións ás novas xeracións, fomentando o interese pola ciencia e a innovación”.
Amais, no marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a investigadora María Suárez participou na mesa redonda organizada polo Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC (CICA) dentro da segunda edición de Laboratorios propios, un encontro que reuniu investigadoras de distintos ámbitos científicos para analizar os desafíos que aínda persisten na carreira científica. Neste encontro, Ser científica hoxe: retos compartidos, realidades distintas, participaron tamén Socorro Castro, investigadora do CICA; e Isabel Martínez Lage, do CITEEC.
A xornada puxo o foco na importancia de xerar referentes femininos diversos e reais, achegando modelos ás novas xeracións e visibilizando as múltiples traxectorias posibles dentro da ciencia. A través das súas experiencias persoais e profesionais, as participantes abordaron cuestións como o acceso e as vocacións científicas, as diferenzas na presenza de mulleres segundo as áreas de coñecemento e as condicións do día a día na investigación.
Un dos intres clave da reflexión foi a etapa posdoutoral, sinalada como “un dos puntos máis fráxiles da carreira investigadora debido á precariedade, á temporalidade contractual e á mobilidade, factores que inflúen especialmente na continuidade das mulleres no sistema científico”.
Por outra banda, Adriana Dapena, Paula Castro, Eva Soto e Verónica Bolón —como organizadora— participaron na feira de divulgación LandraCiencia, onde o CITIC presentou iniciativas como IA Verde e TuTIC. A programación completouse coa participación de Lara Pallas e Delfina Ramos na actividade Directo 11F: Conecta con mulleres en informática, organizada polo MUNCYT e a Facultade de Informática, na que tamén participaron Laura Castro e Sonia Suárez.
Ademais, o próximo 25 de febreiro, Verónica Bolón impartirá a Charla CorbI IA verde. Cara un futuro sostible, organizada polo MUNCYT e que se poderá seguir en directo a través da canle de YouTube da FECYT.
Con este conxunto de accións, o CITIC reafirma o seu compromiso coa divulgación, co impulso das vocacións STEM e coa promoción dunha ciencia máis diversa, inclusiva e conectada coa cidadanía.
