O CITIC achéganos esta semana ás posibilidades da innovación aberta en Big Data

luns, 22 de outubro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, o CITIC, vainos levar esta semana ás posibilidades de desenvolvemento e empresariais que pon en xogo a fórmula da innovación aberta e do traballo en comunidade dirixido a alentar novos e importantes achados tecnolóxicos. Na xornada Innovación Aberta e Big Data, que se celebra o día 25 na sede do CITIC, tamén se porán sobre a mesma as potencialidades de xuntarmos forzas (e capacidades) arredor da información a gran escala.
Trátase dun evento do Campus Innova e contará coa participación de Valentín Fernández García, Senior Advisor en Innovación Aberta e ex-director global de Desenvolvemento de Negocio e Alianzas de Telefónica Open Future, o ecosistema de crowdworking e innovación cooperativa da dita operadora de telecomunicacións, presente na nosa terra a través de Galicia Open Future, GOF, que xa celebrou catro edicións acelerando arredor de 150 proxectos tecnolóxicos.
A xornada do CITIC dará comezo ás 12 horas e a partir das 13 h terá lugar un petisco networking. Inscricións en oficina.innova@udc.gal.

PUBLICIDADE