O CIM de Boqueixón achega formación TIC para mellorar a empregabilidade das mulleres

xoves, 19 de setembro do 2019 Redacción

O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón vén de abrir as inscricións para o curso Formadas no Dixital: Aumenta as oportunidades laborais. Esta acción formativa de empoderamento tecnolóxico ten como principal obxectivo, segundo concretan dende o CIM, “ofrecer ás mulleres formación en novas tecnoloxías orientadas á busca de emprego e potenciar as habilidades dixitais que permitan un desenvolvemento e capacitación dixital óptima”.
As inscricións deberanse formalizar no CIM de Boqueixón enviando un correo electrónico a cim@boqueixon.com ou chamando ao teléfono 981 513 061. A ficha se inscrición pódese descargar na web municipal www.boqueixon.com.
As clases darán comezo o vindeiro 8 de outubro na Aula de Informática do Centro Sociocultural Camilo José Cela de Lestedo (enriba das instalacións da Escola Infantil Municipal Raíña Lupa). As sesións desenvolveranse todos os martes e mércores do vindeiro mes en horario de 17.00 a 19.00 horas.
Dende o CIM animan ás veciñas a participaren nesta acción formativa. O curso conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.

PUBLICIDADE