O CEIP Ponte dos Brozos celebra a terceira edición do seu encontro de experiencias TIC

venres, 30 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

O vindeiro mércores 4 o Centro Tecnolóxico de Arteixo acollerá a terceira edición das Xornadas de Experiencias TIC, un evento desenvolvido polo CEIP Ponte dos Brozos, un dos nosos centros de ensino máis envorcados coa innovación educativa e co afianzamento das novas tecnoloxías na aprendizaxe (tal e como pon de manifesto, por exemplo, o seu proxecto para tirar partido de Google Apps no ámbito da docencia). Pois ben, a cita servirá entre outras cousas para dar a coñecer diferentes traballos “exhaustivos e innovadores sobre uso das TIC centrados en contornas de linguaxe de programación”.
Segundo sinalan os organizadores, a estas xornadas están convidadas diversas autoridades educativas do ámbito educativo estatal e autonómico, así como a corporación municipal do Concello de Arteixo, unha representación da UNESCO (organismo internacional que conta co dito CEIP galego entre a súa rede de centros asociados) e representantes da Fundación Barrié, da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago (docentes e investigadores ligados á innovación educativa). Por outra banda, contarase coa presenza de alumnos, familias e profesores do centro.
As xornadas está divididas en dúas partes. Nunha primeira as experiencias versarán sobre o traballo desenvolvido dende o ámbito de Educación Infantil até o terceiro ciclo de Primaria con contornas de linguaxe de programación e a súa aplicación cotiá nas aulas. O segundo bloque xirará arredor das experiencias levadas a cabo neste curso co uso de iPads en Infantil e Primaria, así como na biblioteca e outros espazos educativos. “Entre ambos bloques”, apuntan os organizadores, “nenos e nenas de diferentes cursos estarán amosando o seu traballo de xeito práctico convidando aos asistentes a participar con eles”. Xa como remate presentarase o vídeo Un día no Ponte dos Brozos.
Programa de actividades
· 16h 30 min: Inauguración das xornadas polas autoridades presentes.
· 16h 45 min: Presentación do encontro e resumo do ano TIC. Fernando Moreno.
· 17h: Bloque Programación:
· 17h 00 min: Un, dous, tres, ... Go!. Ana Sevilla e Montserrat González.
· 17h 15 min: 1, 2, 3 ... Programando. Patricia Galán e Pepa Sanjurjo.
· 17h 30 min: O ano no que aprendemos a codificar. Aurora Jove e Begoña Codesal.
· 17h 45 min: Ata o infinito e máis Scratch. Antonio F. Álvarez.
· 19h 00 min: Busco, probo, escollo e ... Xogo. Loreto Vázquez e Ángeles Castro.
· 19h 15 min: Aurasma. Realidade ou ficción na lectura. Carmen Fernández e Verónica Fustes.
· 19h 30 min: A biblioteca: Un espazo PdB. María Ces.
· 19h 45 min: Estrea do vídeo: Un día no Ponte dos Brozos. Inés González Ana Touriñán.
· 20h 00 min: Clausura da xornada.