O CCG incorpora a Fernández del Riego á base de datos do Álbum de Galicia

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, recibiu este xaneiro unha nova e relevante incorporación: a de Francisco Fernández del Riego, o histórico intelectual e político galego que foi presidente da Real Academia Galega (RAG) entre 1997 e 2001.
Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, Lugo, 1913 - Vigo, 2010) foi un destacado intelectual e activista político. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Alevín e marcou a cultura e política galega durante décadas. María Dolores Villanueva asina a súa biografía, que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.
Na súa entrada destácanse aspectos biográficos como que adoitaba dicir que era un “regalo adiado de Deus” xa que naceu mañá do 7 de xaneiro de 1913. Marcado polos estudos cos frades laurentinos e pola súa amizade con Álvaro Cunqueiro, comeza a estudar Dereito en Madrid. Foi alí onde, da man da lectura do texto de Risco, Teoría do nacionalismo galego, se forxou o seu compromiso político.
Na biografía conta avatares da súa vida destacados como o episodio que se produciu en 1936 cando salvou a vida ao vestir o uniforme das tropas franquistas. Destaca tamén que foi depurado e inhabilitado que o obrigou a instalar a súa residencia en Vigo, cidade na que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional e vital posterior.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE