O CCG analiza en Soutomaior a relación entre cultura e comunicación

martes, 20 de maio do 2025 S. P.

O Consello da Cultura vai organizar este mércores 21, a partir das 16.00 horas en Soutomaior, unha nova xornada do ciclo Acceso á cultura en Galicia 2025. Estamos a falar da cita Acceso á cultura e comunicación. O obxectivo é coñecer como se comunican os proxectos culturais a partir das experiencias de oito proxectos que se desenvolven na provincia de Pontevedra. A sesión está coordinada por Marián Fernández, non se emite en directo pero será gravada e subirase á hemeroteca á maior brevidade posible.
Segundo informou o CCG, a terceira sesión do ciclo Acceso á cultura lévanos ata a antiga fábrica de carburos Laforet de Arcade para abordar a relación entre acceso á cultura e comunicación coa finalidade de obter datos a partir de proxectos culturais e sociais que traballan en distintos eidos.
Poñerase o acento en identificar as diferentes necesidades de accesibilidade e comunicación que teñen os ámbitos do audiovisual, editorial, escénicas, arte urbana, música, proxectos comunitarios, deseño, publicidade e contidos dixitais. Na sesión cuestionarase se se comunican eficazmente os dereitos culturais e se facilita o acceso á cultura para todas as persoas.
A xornada comeza coa presentación de oito proxectos como son Cru Producións, no eido audiovisual; en comunicación e deseño, As Peaky Branders; en música, o proxecto de escénicas Ártika Cía; en arquitectura e arte urbana, o Proxecto Ewa; ademais da comunidade A Morada, a editora Catro ventos máis a experiencia do Museo do Videoxogo.
Guían as sesións de traballo Encarna Lago, Olaxonmario e Ana G. Liste. No marco da sesión está programada unha visita guiada polo edificio para coñecer a súa historia fabril e o proceso de recuperación patrimonial para uso público ligado á cultura.