O CCG achéganos este venres á preservación do patrimonio sonoro e ás ferramentas que nolo permiten

venres, 15 de outubro do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega organiza este venres 15 unha xornada destinada a avaliar a preservación do patrimonio sonoro e as ferramentas e servizos tecnolóxicos que permiten preservar este tesouro. Na xornada afondarase na importancia de conservar esta riqueza e debullaranse os casos concretos da Biblioteca Nacional de España, a Biblioteca de Catalunya, a Fundación Barrié, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, o Museo do Pobo Galego e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.
A xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) A preservación do patrimonio sonoro galego en arquivos, museos e fundacións está coordinada por Xosé Ramón Pousa, director do Arquivo Sonoro de Galicia e pode seguirse en directo desde o web da institución.
A xornada comeza cunha conferencia da xefa do Servizo de Rexistros Sonoros do Departamento de Música e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España, M. J. López Lorenzo, que ofrece un relatorio titulado Máis que libros: O patrimonio sonoro galego na Biblioteca Nacional de España. A segunda intervención é a da directora da Unitat de Sonors i Audiovisuals, Biblioteca de Catalunya, Margarida Ullate i Estanyol, que falará dos fondos sonoros galegos na Biblioteca de Catalunya.
Despois haberá unha mesa redonda na que participan María Jesús López Elvira, xefa de Arquivos da CRTVG; Concha Losada do Museo do Pobo Galego; César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia; a coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia, Cristina Pujales; e Diego Rodríguez González, director da Biblioteca da Fundación Barrié de la Maza. Nela ofrecerán as diferentes perspectivas sobre catalogación, conservación e rexistro sonoro nestas entidades.
O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia é un centro do Consello da Cultura Galega que conta con máis de 50.000 rexistros procedentes de adquisicións e doazóns. 000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Entre os seus fondos destaca a colección de lousas producidas en Galicia ou con contidos galegos, dos que se pode escoitar na Rede, na web do CCG, unha parte representativa. As lousas, explica o Consello da Cultura,son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte trátase de gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons que manteñen vivos os recordos de Galicia”.

PUBLICIDADE