O BoomStick promete unha mellor calidade sonora para os nosos auriculares

luns, 4 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Hai uns meses comentamos o éxito en Kickstarter do amplificador portátil UAMP, que pese a que tiña que terse convertido en realidade o pasado verán non iniciou a súa fabricación até a semana pasada, polo que non chegará aos seus mecenas até marzo, cando atopará un competidor no mercado, o BoomStick, un trebello que xa pode encargarse por 99 dólares en cor negra ou prata e que permite transformar o son para calquera auricular con toma de mini-jack mellorando considerablemente a experiencia sonora de videoxogos, películas e música de case calquera dispositivo.
Esta creación de BoomCloud 360 vai poder verse no CES de Las Vegas nos vindeiros días e pretende compensar a baixa calidade coa que normalmente recibimos o son de contidos en liña, audiovisuais e xogos, pese a que a imaxe non para de progresar día a día.
O BoomStick é pequeno, lixeiro e a súa batería dura até 14 horas, controlándose só con 1 botón circular que acende ou apaga o accesorio que pode aplicarse a calquera fonte de son que chegue a través dun conector de audio de 3,5 milímetros. Non estariamos ante unha solución que fixese que o son se escoitase máis alto, senón que se escoitaría mellor, podendo percibirse sons que doutros xeito pasarían desapercibidos (o que pode parecernos unha versión mellorada do botón de bass boost que incluían moitos reprodutores de CD).

PUBLICIDADE