O Blu:brain sairá á venda o 15 de febreiro por 399 euros
mércores, 16 de decembro do 2009
Despois
de moitas demoras, o disco duro multimedia de Blusens que quere revolucionar o
consumo audiovisual do fogar, o Blu:brain,
vaise concretando, e xa sabemos que vai venderse en capacidades de 160 e 250
Gb, con 2 sintonizadores de TDT de alta definición (con capacidades de
gravación), soporte de rede a través de Fast Ethernet e Wi-Fi (IEEE 802.11g), lector
de tarxetas de memoria, 2 portos USB 2.0 para a carga de contidos a través de
discos duros externos e unidades de memoria e reprodución de vídeos en alta
definición (soportando formatos coma o MKV), chegando
ás tendas o 15 de febreiro a un prezo de 399 euros.
Dende Blusens aseguran que chegaron a acordos con diferentes provedores de
contidos para vender vídeo baixo demanda
(VoD), Over The Op (OTT) e contido IPTV, de xeito que o Blu:brain estará
aberto a películas, series e outros programas de televisión mediante streaming, aínda que haberá que coñecer
a oferta de contidos deste tipo para poder valorar o servizo.
- O Blu:brain contará cunha conectividade bastante completa
En distintas presentacións aseguraban que o Blu:brain contará con conectividade
PLC, que permitirse a transmisión
de contidos a través da instalación eléctrica do noso domicilio (algo que
quedaría por confirmar, pois polo momento non hai ningunha referencia ao
respecto na web de Blusens, aínda que supomos que non será unha prestación
nativa do Blu:brain, senón o uso dun adaptador coma o GPLC-HOME).
Pero este anuncio de Blusens podería chegar moi tarde, cun mercado saturado de
reprodutores multimedia de alta definición que incluso contan con gravación de
TDT de alta definición, e teñen un prezo inferior ao do Blu:brain e unha
capacidade de disco moi superior, de xeito que un ZoltarTV con 1,5 Tb de capacidade,
dobre sintonizador de TDT de alta definición e Wi-Fi N pode
atoparse por 299 euros, mentres que o Storex
DivaBox, tamén con gravación de TDT e 1,5 Tb de capacidade pode
adquirirse por 295 euros. Ambos dispositivos contarían cunha alta
compatibilidade de formatos de vídeo, e tería un tamaño e un peso inferiores ao
do Blu:brain pese a ter maiores prestacións, aínda que haberá que agardar a ver
o trebello de Blusens en funcionamento para poder valoralo axeitadamente, pois neste
tipo de dispositivos a súa interface de uso é crucial para o seu éxito, e
incluso o seu nivel de compatibilidade cos formatos de vídeo que circulan pola
Rede pode ser decisivo para a súa popularización.