O Barco de Valdeorras e Tenerife, conectados por videoconferencia
martes, 16 de xuño do 2009
A Rede
de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC) fixo posible que a gran
maioría dos alumnos de 1º e 2º de ESO do CEIP Julio Guirriarán do Barco de
Valdeorras, visitaran por primeira vez o parque temático de Tenerife, o Loro
Parque, mais iso sí, de xeito virtual, a través de videoconferencia.
A experiencia tivo lugar hoxe ás 11:00 horas no Telecentro
de Comunicación (TC) do Barco de Valdeorras, ubicado no segundo andar da Casa
do Concello, e posibilitou que, por primeira vez, os nenos deste colexio
traballaran de xeito virtual e interactivo cos responsables dun dos zoolóxicos con
máis sona de España, os cales lles amosaron algún dos animais cos que contan no
recinto así como a súa área estrela: o acuario.
O Loro Parque de Tenerife alberga a colección de loros máis
importante do mundo que supera as 300 especies, un extraordinario espectáculo de
leóns mariños, así como de delfíns e loros, un acuario con Túnel de Tiburóns, gorilas, chimpancés, tigres, caimáns, tartarugas,
a Casa de Orquídeas, o cine ’’NaturaVision’’ e o maior pingüinario do
mundo con reprodución do clima Antártico no que caen 12 toneladas de neve por
día.
Unha vez máis, a Rede de Telecentros de Comunicación (RTC),
a través do seu proxecto Comunícate,
fixo desaparecer por un intre as distancias que hai entre Galicia e Tenerife, a
través da videoconferencia, unha das grandes ferramentas que ofrecen estas
aulas de uso público. A través da campaña Comunícate,
os responsables da Rede de Telecentros de Comunicación buscan que estas
ferramentas se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da
cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas
tecnoloxías, co fin de crear unha comunidade virtual que fomente a autoxeración
de actividades por parte dos usuarios.