O BNG considera irreal que o 99% do rural galego teña cobertura de Internet

mércores, 28 de maio do 2008 Raquel Noya

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, vén de afirmar que a cifra que garante o Goberno en relación á cobertura de Internet de banda larga no rural galego, situada no 99 por cento, “é irreal”, xa que nestas zonas, asegura, “non existe unha oferta con condicións semellantes ás dispoñibles nas zonas urbanas, e iso é algo que pode contrastar calquera cidadán que intente contratar acceso a Internet no rural”.
Pérez Bouza preguntou esta mesma mañá no Pleno do Senado pola “cobertura real” de poboación en zonas rurais e illadas de Galicia que o Goberno garante dentro do Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) para o presente 2008 ao que o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, lle respondeu que “o 99 por cento do rural galego ten cobertura para acceder a Internet de banda larga”.
Na súa resposta, Sebastián, engadiu que Telefónica “está a cumprir as tres condición que tiña marcado o Goberno para esta etapa: cobertura en tódolos núcleos de poboación de Galicia (chegando como mínimo ao 90 por cento da poboación), e cumprir as condicións de prezos e técnicas marcadas”.
Para o senador do BNG a resposta do Ministro de Industria tivo un ton “triunfalista que non se corresponde coa realidade” e, neste senso, asegurou que “o 20 por cento da poboación destes núcleos segue sen posibilidades de acceder á banda larga”.
Pérez Bouza tamén denunciou que “a calidade do servizo que se ofrece é inferior á das áreas urbanas e o custo é maior para os usuarios”.
O BNG vén de esixirlle ó Goberno que “obrigue” a Telefónica a cumprir coas condicións establecidas, é dicir, acceso á banda larga en tódolos núcleos incluídos no Plan PEBA, cun ancho de banda non inferior a 1 Mb, cun prezo non superior a 40 euros mensuais e que permita contratar servizos como o DUO.

PUBLICIDADE