O Asus ZenFone 6 podería situar o notch preto dunha esquina

martes, 6 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a pestana superior (ou notch) foi unha das características máis criticadas do iPhone X, levamos un ano no que moitos smartphones con Android a imitaron, de aí que Android 9 incorporarse soporte nativo para esta funcionalidade, deixando certa liberdade aos fabricantes da que algún semella que vai tirar proveito dun xeito un tanto rechamante, pois veñen de filtrarse imaxes do futuro Asus ZenFone 6 que incorporará un pequeno notch na liña do que tiña o Essential Phone (ou sexa, o mínimo para acoller a cámara frontal) que en vez de estar centrado, colocarase preto da esquina dereita da pantalla.
Esta posición da pestana superior podería ser todo un acerto, xa que deixaría un grande espazo na parte superior esquerda da pantalla, de xeito que as notificacións non se verían truncadas pola fendedura na pantalla, salvando así unha das maiores molestias que ocasiona o notch centrado.
Probablemente non vexamos este teléfono até o Mobile World Congress, pero resulta curioso ver como algúns fabricantes ousan a facer as cousas dun xeito algo distinto, aínda que na feira de telefonía de Barcelona espérase que este ano co que sorprendan os fabricantes é con cámaras frontais situadas detrás da propia pantalla, o que podería ser toda unha revolución no aproveitamento da superficie frontal dos smartphones sen ter que incorporar elementos retráctiles.

Vídeo no que podemos ver o Asus ZenFone 6

PUBLICIDADE