O Asus ZenFone 5 copia descaradamente a aparencia do iPhone X

mércores, 28 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A compañía taiwanesa ASUSTeK parece ter perdido completamente o seu pudor, e presentou no pavillóns de Italia no Mobile World Congress un evento no que presentou a súa nova familia de móbiles ZenFone 5 que chaman poderosamente a atención por plaxiar descaradamente a estética do iPhone X de Apple, replicando case ao milímetro a súa característica pestana superior (ou notch). Nesta mesma dirección tamén inclúe unha aplicación de ZeniMoji, avatares animados que responden a expresións faciais e movementos da cabeza, para empregar en mensaxería instantánea, videoconferencias e retransmisións de vídeo en directo que claramente buscan imitar aos animoji de Apple.
A nova serie de teléfonos está encabezada polos ZenFone 5 e 5Z, terminais con pantalla Super IPS+ de 6,2 polgadas case sen marco (aproveitan o 90% da súa superficie frontal), dobre cámara e, como principal atractivo, un prezo que parte dos 479 euros (moito máis baratos que os terminais de Apple). O ZenFone 5Z estaría equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, até 8 GB de memoria RAM LPDDR4X e até 256 GB de almacenamento interno JFS2.1 ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB, mentres que o ZenFone 5 básico conformaríase cun procesador Qualcomm Snapdragon 636, até 6 GB de RAM LPDDR4X e 64 GB de almacenamento interno eMCP ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB.
Estes smartphones están equipados na súa parte traseira cun dobre sensor Sony IMX363 de 12 Mpíxeles con apertura f/1.8 e un tamaño de píxel de 1,4 micrómetros, mentres que a cámara frontal ten un sensor de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0.
Tamén contan con dous altofalantes amplificados, dous micrófonos con redución de ruído, radio FM, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector traseiro de pegadas dixitais (aínda que tamén pode desbloquearse mediante recoñecemento facial) e batería de 3.300 mAh con carga rápida por USB-C.

Vídeo de presentación dos Asus ZenFone 5/5Z

ZenFone 5 Lite

Como alternativa máis económica, e distanciándose completamente do iPhone X, temos o ZenFone 5 Lite, un smartphone con pantalla IPS Full HD+ de 6 polgadas que presume de contar con 4 cámaras. Está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 630, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, radio FM, lector traseiro de pegadas dixitais, batería de 3.300 mAh e un detalle máis que destacable: conta con 3 rañuras, de xeito que pode empregar 2 tarxetas nano SIM sen prescindir do uso dunha tarxeta microSD como acontece noutros teléfonos.
No que ás cámaras se refire, este smartphone está equipado cunha cámara frontal principal Sony IMX376 de 20 Mpíxeles con apertura f/2.0 e unha secundaria con grande angular de 120 graos, mentres que na súa traseira conta cunha cámara de 16 Mpíxeles con apertura f/2.2 completada tamén cunha cámara secundaria de grande angular de 120 graos.

Vídeo de presentación do Asus ZenFone 5 Lite