O Asus Transformer Prime contará con procesador de 4 núcleos e terá un grosor de só 8,3 mm

xoves, 20 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Entre os tablets con Android do mercado destacaba especialmente o Asus Transformer pola súa versatilidade, e este interesante dispositivo vai actualizarse, presentándose a súa revisión o vindeiro 9 de novembro, pero como anticipo, nunha entrevista ao director xeral de Asustek, Jonney Shih, no evento AsiaD organizado polo The Wall Street Journal, amosouse a nova xeración do tablet en primicia, presumindo de pantalla de 10,1 polgadas, procesador nVIDIA de 4 núcleos (Kal-El), unha autonomía de 14,5 horas, conectividade USB e mini-HDMI, un grosor de só 8,3 milímetros e un teclado extraíble (que achega a súa experiencia de uso á dun ordenador ultraportátil).
Este Transformer Prime aínda non ten fixada a data de lanzamento e tampouco se coñecen detalles de interese como a versión de Android que incorporará de fábrica (algo crucial tras o anuncio do Android 4.0), aínda que parece evidente que, aínda que non inclúe o Ice Cream Sandwich de serie, non debería de ter problema en actualizarse a primeiros de 2012 como farán moitos outros dispositivos.
Jonney Shih tamén adiantou que Asustek está a prepara un novo ultrabook, equipo portátil cun procesador Intel Core i7, almacenamento de memoria sólida, USB 3.0 e 1,2 quilogramos de peso que pretende competir co MacBook Air.

O teclado do Asus Transformer Prime pode separarse do tablet

PUBLICIDADE