O Asus O!Play HD2 incorpora USB 3.0 e espazo para un disco duro interno

martes, 5 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O reprodutor multimedia Asus O!Play HDP-R1 leva meses demostrando ser unha das mellores solucións no mercado para a gozar de vídeos en multitude de formatos almacenados en memorias USB, discos duros ou equipos en rede, dicindo adeus a soportes físicos coma o DVD ou o Blu-ray; e continuando nesta mesma liña o seu fabricante pon á venda estes días o que poderiamos considerar o seu sucesor, o Asus O!Play HD2, que actualiza a súa conectividade para incorporar un porto USB 3.0 e espazo para conectar un disco duro SATA de 3,5 polgadas no seu interior.
O Asus O!Play HD2, tamén conta con 2 conectores USB 2.0 (un dos mesmos tamén funciona coma porto eSATA), lector de tarxetas CompactFlash, SD/MMC e Memory Stick/Memory Stick Duo. Para acceder á rede conta cun porto Fast Ethernet (de xeito que pode funcionar coma servidor de FTP, Samba ou iTunes) e para conectarse ao televisor ten tanto saídas en composto, por compoñentes, HDMI 1.3 e de audio dixital tanto óptica coma coaxial.
No tocante os formatos soportados, este dispositivo funciona con case todos os ficheiros multimedia dispoñibles na Internet, coma AVI, XviD, MOV, MP4, WMV, MKV, FLV, TS, ISO… así coma audio en MP3, WAV, AAC, OGG, FLAC, AIFF, AC3, DTS, Dolby True HD e PCM/LPCM, imaxes en JPEG, BMP, PNG, GIF e TIFF e subtítulos en SRT, SUB, SMI, SSA e TXT.
Entre as características máis rechamantes do O!Play HD2 está o feito de que permite o uso dun iPhone coma mando a distancia, o acceso a máis de 20.000 emisoras de radio en liña, a imaxes en Picasa e Flickr e o acceso a contidos multimedia a través dun Media Center. Tamén cómpre destacar que Asus ofrece actualizacións constantes do firmware dos seus produtos, o que garante o funcionamento con modificacións dos codecs de vídeo que vaian saíndo nos vindeiros meses, á vez que engádense certas prestacións tras a solicitude dos consumidores.

PUBLICIDADE