O Asus EeeKeyboard terá unha autonomía de 4 horas

martes, 4 de maio do 2010 Marcus Fernández

Despois de moitos meses presentándose en feiras de electrónica de consumo, Asus deu a coñecer as especificacións definitivas do ordenador EeeKeyboard, que en 145 x 425 x 10-24,4 milímetros (e 1,1 quilos de peso) encerra un equipo completo integrado nun teclado no que o espazo tradicionalmente destinado ao teclado numérico está ocupado por unha pantalla multi-táctil de 5 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles.
O equipo corre cun procesador Intel Atom N270, 1 Gb de RAM, 16 ou 32 Gb de SSD, Wi-Fi N, Gigabit Ethernet, Bluetooth 2.1, transferencia de vídeo sen fíos mediante tecnoloxía ultra-wideband, 3 portos USB 2.0, saídas HDMI e VGA, altofalantes e micrófono, que desafortunadamente vén acompañado cun par de prestacións un tanto decepcionantes, coma son que funcione con Windows XP (en vez de optar por Windows 7) e ter unha autonomía de só 4 horas.
De todos os xeitos, estamos ante un equipo francamente atractivo de cara á súa conexión ao televisor do salón, posto que pode comunicarse co mesmo sen fíos, de xeito que sería un interesante sistema de levar a Internet e os seus contidos multimedia ao televisor.

PUBLICIDADE