O Arquivo Sonoro de Galicia rexistrará os sons de Ribadavia en colaboración coa veciñanza

xoves, 16 de setembro do 2021 S. P.

Grazas á democratización e o uso estendido das novas tecnoloxías, non só podemos cartografar e documentar todo o visual que nos rodea, senón tamén o sonoro: o son que produce a realidade da nosa contorna. Esta será a premisa da nova iniciativa que vai levar a cabo o Arquivo Sonoro de Galicia do CCG. Será en Ribadavia e consistirá nun traballo colaborativo e participativo para rexistrar os sons máis característicos da vila do Ribeiro e incorporalos logo ao Mapa Sonoro de Galicia.
A iniciativa levarase a cabo baixo un epígrafe que funciona como un chamamento á cidadanía: Cal e á paisaxe sonora de Ribadavia? Axúdanos a buscala. Incluirá, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, dúas actividades dirixidas a visualizar o proxecto. Celebraranse os días 17 e 24 de setembro. Estas xornadas virán da man do director do arquivo, Xosé Ramón Pousa.
Polo tanto, este venres desenvolverase a primeira das actividades previstas para visibilizar o Mapa Sonoro de Galicia. O director deste centro, Xosé Ramón Pousa, fará unha presentación do centro e da historia da gravación sonora a través dunha selección dos máis de 400 discos de pedra relacionados con Galicia con gravacións realizadas entre 1.904 e 1.950.
A segunda será o venres, 24 de setembro, e consistirá nun obradoiro de son sobre as paisaxes sonoras co obxectivo de que as persoas interesadas colaboren co Arquivo Sonoro de Galicia gravando co seu teléfono móbil aqueles sons que para cada un deles sexa característico da vila.
Esta actividade está realizada coa colaboración do Museo Etnolóxico, Concello de Ribadavia e Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia.
Mapa Sonoro de Galicia
O Mapa Sonoro de Galicia é un proxecto web do Consello da Cultura Galega (CCG) que ofrece unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras custodiadas pola institución. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

PUBLICIDADE