O Apple Watch sae á venda máis caro do agardado

venres, 26 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Tras unha longa espera o Apple Watch chega a España, pero non é un lanzamento ausente de decepcións, xa que inicialmente o reloxo da compañía de Cupertino non vai chegar a mans da meirande parte dos seus compradores até dentro de máis dunha semana e o seu prezo é bastante máis caro do que moitos pensaban inicialmente, xa que incluso será máis elevado que o que ten en Francia (país que hai uns anos tiña uns prezos máis caros que España nos produtos de Apple).
No que se refire á entrega, que faga un pedido en liña dun dos Apple Watch menos populares, podería conseguir a súa entrega a partires do vindeiro martes, pero no caso das versións máis demandadas a data alóngase até o 6-8 de xullo (podendo chegar até entre o 10 e o 17 de xullo en casos moi concretos). A grande decepción chegaría tamén para os afortunados que teñan unha Apple Store preto do seu domicilio, que poderían acudir en persoa a polo seu reloxo, pero o stock en tenda é moi limitado, polo que o máis habitual é que non haxa existencias do reloxo desexado, o que fai que este sistema de compra máis áxil non sexa dabondo para os máis impacientes.
No que se refire ao prezo, se miramos os modelos máis económicos de cada gama temos que o Apple Watch Sport con correa deportiva custa en España 419 euros no modelo con caixa de 38 milímetros e 469 euros no modelo de 42 milímetros, mentres que ditos prezos en Francia serían de 399 e 449 euros respectivamente, e nos EE.UU. custasen sen impostos 349 e 399 dólares (311,68 e 356,33 euros). Por fortuna, nos modelos máis caros do reloxo a diferenza de prezo con respecto ao mercado francés mantense nos 20 euros (o que dá a entender que non se trata dunha cantidade que dependa dos impostos locais, senón posiblemente a algún gasto loxístico). Iso si, os modelos Apple Watch Edition si teñen uns prezos bastante escandalosos, chegando aos 18.400 euros para o modelo con caixa en ouro de 18 quilates, con correa vermella brillante (400 euros máis caro que en Francia).
Outro detalle a salientar é que xa están dispoñibles numerosas correas para os Apple Watch, que están a resultar ser o principal negocio deste dispositivo, xerando uns ingresos bastante elevados se atendemos ás boas vendas que rexistraron nos países nos que xa estaba á venda o reloxo de Apple.

PUBLICIDADE