O Acer Switch 5 chegará en xuño con refrixeración sen ventiladores

xoves, 27 de abril do 2017 Marcus Fernández

Acer anunciou un par de novos equipos 2-en-1 da serie Switch, que parten do completo Switch 5, que destaca por integrar sensor de pegadas dixitais no botón de acendido, soporte para Windows Hello e Liquid Loop (un sistema de refrixeración sen ventiladores que permite que o equipo teñan un funcionamento silencioso). Este equipo ten unha pantalla táctil de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles, incluirá un Acer Active Stylus e poderá equiparse con procesadores Intel Core i5 e i7 de sétima xeración.
O Switch 5 pode empregarse no escritorio de xeito confortable grazas á súa peaña traseira, e o seu teclado extraíble está retroiluminado. Tamén conta cun porto USB-C e outro USB-A, e o seu prezo de venda en xuño partirá dos 1.099 euros.
Para usuarios menos esixentes estará dispoñible unha versión económica (que parte dun prezo de 499 euros) chamada Switch 3, que virá equipada con procesador Intel Pentium ou Intel Celeron e pantalla de 12,2 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, e carecerá de retroiluminación no teclado e Liquid Loop, de aí que sexa un produto cun prezo tan inferior, aínda que resultará máis que suficiente para quen deseñe un dispositivo que combine o mellor das tabletas e dos ordenadores portátiles, e poida empregarse tamén con lapis dixitalizador.

PUBLICIDADE