O Acer Liquid Jade Primo podería custar menos de 400 euros

venres, 23 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A estrea de Windows 10 nos móbiles resulta prometedora pola incorporación da tecnoloxía Continuum que facilita o uso do smartphone como se fose un ordenador ao conectalo a unha pantalla externa, pero nun principio os terminais de referencia non serán precisamente asumibles, xa que o mes que vén sairán á venda os Lumia 950 e Lumia 950 XL a 599 e 699 euros respectivamente; pero, como acontece con moitos dos produtos con Windows 10 anunciados por Microsoft nas últimas semanas, a compañía de Redmond só pretende marcar os pasos a seguir, e non competir cos seus partners, de aí que pronto teremos no mercado smartphones compatibles con Continuum a prezos máis axustados.
Temos así que o “auténtico ordenador de peto” de Acer, o smartphone Liquid Jade Primo, que incluso comercializarase coa base que facilita a súa conexión a un monitor/televisor, un teclado e un rato, vai chegar a un prezo bastante asumible se atendemos ao prezo que terá en Filipinas, onde veñen de anunciar que se venderá este smartphone a 18.990 pesos, que ao cambio serían 368 euros, prezo bastante atractivo para un smartphone que pode sacar de máis dun apuro ao funcionar como equipo informático para aplicacións universais (como Microsoft Office).
Falamos cunha xenerosa pantalla AMOLED Full HD de 5,5 polgadas, que para conseguir a potencia necesaria está equipado cun procesador de 6 núcleos e 64 bits, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno. Tamén conta con cámaras de 21 e 8 Mpíxeles, de xeito que incluso como smartphone de gama media-alta sería bastante atractivo, aínda que habería que agardar até o mes de decembro para velo nas tendas.

PUBLICIDADE