O AI Pin de Humane podería venderse a 699 dólares
xoves, 9 de novembro do 2023
Nos últimos meses
causou furor a presentación
que un dos fundadores de Humane, Imran Chaudhri, realizou nunha conferencia TED,
deixando ver as posibilidades da súa tecnoloxía de intelixencia artificial que
pretende facer que os dispositivos que empreguemos para tal fin sexan case
invisibles. O feito de que os fundadores de Humane traballasen no pasado para
Apple fai que moitos confíen en que a súa proposta sexa algo factible, e que
incluso poida revolucionar o xeito de relacionarnos coa tecnoloxía.
Aínda que converter a tecnoloxía innovadora nun produto comercial é un reto moi
complexo de superar, semella que están a piques de conseguilo, e dende
The Verge anticipan que é posible que o primeiro trebello de Humane, coñecido
como AI Pin, saia finalmente á venda por un prezo de 699 dólares ao que
habería que sumar unha subscrición mensual de 24 dólares, que incluiría a
conectividade móbil achegada polo operador T-Mobile.
Esta insignia con IA podería describirse como un smartphone sen pantalla,
que pode prenderse magneticamente á roupa, e que contaría con baterías
intercambiables para poder gozar de autonomía todo o día. Funcionaría cun
procesador Qualcomm Snapdragon; integraría cámara e sensores de movemento e
profundidade; e aínda que integra un altofalante, tamén pode conectarse a
auriculares Bluetooth.
Este trebello controlaríase mediante voz, e supliría a carencia de pantalla cun
proxector de láser verde que permitiría amosar información na man do usuario.
O máis curioso deste trebello é que non dependería dun smartphone para
funcionar, senón que sería un produto totalmente autónomo, o que pode ser toda
unha revolución ao proporse como unha alternativa ao teléfono móbil.
Presentación TED na que Imran Chaudhri amosa a tecnoloxía de Humane