O 95º aniversario do afundimento do Santa Isabel celébrase cun documental que se poderá ver en liña

xoves, 31 de decembro do 2015 Xosé María Fernández Pazos

Este 2 de xaneiro cumpre 95 anos o naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, que embarrancou nos baixos de Sálvora ocasionando a morte de 213 persoas, delas 64 nenos.
O aniversario quixo ser aproveitado por un grupo de alumnos da facultade de Comunicación da Universidade de Santiago para a realización dun documental titulado A lenda do Santa Isabel. O guión da reportaxe mestura lenda e historia e así unen a tradición de Mariña e a historia do naufraxio do buque. O documental recolle a morte de Roldán e como a serea Mariña decide regresar ás profundidades das augas de Sálvora. Antes bota unha maldición: o primoxénito de cada liñaxe dos Mariño debe ser entregado ao mar onde morrerá afogado. Os autores do documental fan a conexión co naufraxio do Santa Isabel onde faleceron boa parte da pasaxe e da tripulación e do que unicamente se salvaron 53 persoas.
O documental recolle a lenda como simbolismo da cantidade de xente que morre no mar e o pesar que causa nunha comunidade que vive del como é a destas costas. De feito, a reportaxe remata coa seguinte pregunta retórica: Cal é a familia desta comarca que non ten mortos no mar?.
Na reportaxe interveñen Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e mestre, autor do libro “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, texto no que se recuperou hai case que 20 anos a historia do naufraxio e as lendas da illa ribeirense; Antonio Piñeiro, profesor, escritor e historiador, Pura Fernández Gude, sobriña de María Fernández Oujo, unha das heroínas de Sálvora e Manuel ’’De López’’ e Silva, dous mariñeiros xa retirados da comarca. O documental empeza e remata falando sobre o mar e o seu simbolismo.
As entrevistas foron feitas no Porto de Aguiño, no Faro de Corrubedo, no Porto de Palmeira e en O Castro en Castiñeiras. Tamén foron gravados planos na Illa de Sálvora, na Praia da Catía, en Corrubedo, en Palmeira, en Ribeira, entre outros lugares.
O documental A lenda do Santa Isabel foi gravado e editado por Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo, que traballaron intensamente na guionización, entrevistas e recursos do documental durante varios meses.
A reportaxe de 17 minutos de duración poderá ser visto partir deste 2 de xaneiro aniversario do naufraxio a través do enlace da páxina www.riveira.eu ou directamente desde https://www.youtube.com/watch?v=21RJ-A5ttm4.

PUBLICIDADE