O 90% da poboación viguesa pode gozar de cobertura 4G de Vodafone
xoves, 7 de novembro do 2013- A dirección territorial de Vodafone xuntouse con Caballero para darlle conta da cobertura 4G da cidade de Vigo
Como xa comunicamos onte, Vodafone xa ten
en funcionamento os seus servizos de banda larga móbil a través da súa rede 4G
na cidade de Vigo, onde a compañía de telecomunicacións tamén está a
despregar a súa rede de fibra óptica (FTTH), sendo a primeira poboación da nosa
comunidade na que fai tal. Neste momento agárdase que a cobertura de Vodafone
4G sexa de ata o 90% da poboación en exteriores e o 60% en interiores,
mellorando ata o 99% e o 75% respectivamente a finais de ano, segundo comunicou
a dirección galega da compañía ao alcalde de Vigo nunha xuntanza celebrada
onte mesmo.
Esta nova tecnoloxía de comunicacións móbiles non terá un custo adicional para
os clientes, que gozarán de mellores conexións dende os dispositivos
compatibles con LTE, como son móbiles como o iPhone 5, os Nokia Lumia 920/925,
os Samsung GALAXY S4/S4 Mini/S III, o LG Optimus G, o HTC One, o BlackBerry Q10
e os Sony Xperia Z/SP (dispoñibles a través do de Vodafone), numerosos tablets
(tanto con iOS coma con Android) e incluso varios modems para poder gozar do 4G
dende equipos informáticos.
As melloras das infraestruturas de comunicacións de Vodafone para achegar o 4G
a Vigo e A Coruña están dentro dunha serie de investimentos da compañía na nosa
comunidade, que no pasado exercicio foron de 41 millóns de euros, aínda que
dende o operador aseguran que a contribución económica da compañía para o
desenvolvemento sustentable de Galicia durante o exercicio 2012-2013 foi de 462
millóns de euros. A este respecto o director territorial de Vodafone, Miguel
Fernández, asegura que “Galicia sempre foi unha das rexións que máis apostaron
polo desenvolvemento e a innovación responsable, e o lanzamento dos servizos 4G
Vodafone reforzan a nosa aposta por ofrecer aos cidadáns e ás empresas galegas
os mellores servizos de comunicación”.
A Fundación Vodafone España tamén contribúe ao desenvolvemento de proxectos
sociais e de innovación que melloren a calidade de vida das persoas, para o que
no último exercicio destinaron 458.000 euros en Galicia.